Marco xeral da situación en Perú

  • imprimir

A. O sistema de saúde en Perú.

A meta da política social peruana a medio prazo é a redución da pobreza extrema. Para esa meta, desenvolve programas específicos en educación, saúde, alimentación e xustiza.

En saúde, o Programa de "Saúde Básica para Todos" funciona dende 1994 e ten por obxectivo elevar a capacidade resolutiva dos establecementos do primeiro nivel de atención, comezando cos que se sitúan nas zonas de maior pobreza.

En Xuño de 1997 promulgouse a Lei Xeral de Saúde, na que asigna ao Estado o financiamento preferente das accións de saúde pública e a obriga de subsidiar total ou parcialmente a atención sanitaria ás poboacións de menos recursos que non gocen doutro réxime de prestacións de saúde, publico ou privado.

O Ministerio de Saúde (MINSA) responsabilízase da formulación de políticas, plan estratéxico, regulación e control sanitario.

As redes de establecementos públicos de servizos de atención básica de saúde contan coas súas propias unidades de xerencia descentralizada.

A Lei de Modernización da Seguridade Social de 1997 flexibiliza o monopolio público na provisión da atención médica das persoas con seguro do Instituto Peruano da Seguridade Social (IPSS) e permite a liberdade de afiliación dos asegurados/as a provedores de carácter privado, denominados empresas prestadoras de servizos de saúde. O proceso busca desenvolver o mercado de servizos de saúde para aumentar a cobertura da poboación de menores ingresos, mellorar a calidade dos servizos e estimular a eficiencia na asignación de recursos. Este proceso orixinou unha gran polémica a nivel estatal, con elevada oposición por parte da poboación.

B. Organización do sector saúde.

O sector saúde en Perú está conformado por:

  • Sector público: Ministerio de Saúde (MINSA), Instituto Peruano da Seguridade Social (IPSS), Sanidade das Forzas Armadas, e Beneficencia.
  • Sector privado: seguros médicos e prestadores privados.
  • Institucións sen ánimo de lucro.

No ano 1995 o país contaba con 7.304 establecementos de saúde, dos cales 5.931 (81%) pertencían ao MINSA; destes, 134 eran hospitais, 1.028 centros de saúde e 4.762 postos de saúde.

Nos últimos anos, grazas ao Programa Saúde Básica para Todos e do Programa de Fortalecemento dos Servizos de Saúde, incrementouse moito o número de establecementos e recursos humanos.

Non obstante, mantéñense enormes diferenzas entre unhas zonas e outras do país. Mentres nunhas zonas hai unha cama por cada 220 habitantes, noutras hai unha por cada 1.700 (cifras do ano 1995)

Os departamentos de maior pobreza son os que presentan unha menor dispoñibilidade de persoal de saúde. Dende zonas con 2.8 médicos/ás por 10.000 habitantes ata outras con 23 por cada 10.000. En Vilcabamba hai 2 para 14.000 habitantes.

Para compensar esta distribución inequitativa, o goberno, mediante o Programa Saúde para Todos, contrata persoal para atender á poboación das zonas de maior pobreza. En Vilcabamba hai unha enfermeira, unha obstetriz e dous técnicos sanitarios, contratados por este Programa.

C. Medicamentos.

Perú foi pioneiro en aplicar programas de medicamentos esenciais. O Programa de Administración Compartida de Farmacias prové un conxunto de 63 medicamentos esenciais de baixo custo a preto de 1000 centros e 4.500 postos de saúde do primeiro nivel de atención, e ten como estratexias principais a autonomía administrativa subrexional, a administración de fondos rotatorios e a participación comunitaria ( pacientes pagan o medicamento).

No MINSA a gratuidade dos medicamentos é unicamente para pacientes atendidos nos programas gobernamentais e para persoas indixentes.

Pola súa banda, o IPSS, cuns 6 millóns de asegurados e aseguradas, conta cun sistema propio de abastecemento de medicamentos baseado nun listado diferenciado por niveis de atención.

D. Utilización e demanda dos servizos de saúde.

Segundo a Enquisa Nacional de Fogares de 1995, o 29% das persoas entrevistadas manifestou ter presentado algún síntoma de enfermidade ou accidente dentro dos 15 días previos á enquisa. Observouse unha relación entre a poboación de menores ingresos e menor nivel educativo, cun maior padecemento de síntomas.

Segundo a mesma Enquisa, o 58% da poboación que manifestou ter tido algún síntoma de enfermidade ou accidente non realizou ningunha consulta (69% na poboación rural), e o 65% dela expresou como principal motivo a falta de recursos económicos.

A decisión de consultar estivo asociada ao nivel educativo e ao nivel de ingresos.

As persoas de maior ingreso e nivel educativo consultaron máis e preferiron maiormente a consulta privada e as de menor ingreso recorreron a establecementos do MINSA, farmacias e curandeiros.

E. Promoción da saúde.

En Perú, moitos dos problemas de saúde individual, familiar e comunitaria están relacionados con prácticas, hábitos e comportamentos non saudables e coas condicións de pobreza en que vive unha alta porcentaxe da poboación.

Dende 1995, dentro do marco dos liñamentos de políticas de saúde, o Ministerio de Saúde destaca a promoción de condicións e modos de vida saudables, orientados a mellorar a calidade de vida da poboación.

En 1996 o MINSA propulsou a Iniciativa de Comunidades Saudables para o Desenvolvemento Humano Sostido, na que a participación comunitaria e a comunicación social son as súas principais estratexias.

O manexo do embarazo nas adolescentes, a violencia contra a infancia, a xestión ambiental e a prevención de enfermidades transmisibles foron parte importante das actividades realizadas.

F. Financiamento e gasto sanitario.

En 1995 o gasto total en saúde representou o 3.6% do PIB, manténdose estable dende 1992, e o gasto per cápita foi de US$ 89.

A distribución dese gasto foi:

  • O MINSA 1% do PIB.
  • O IPSS 1.3% do PIB.
  • O gasto privado 1.2% do PIB.

O gasto do MINSA concéntrase lixeiramente nas subrexións que presentan mellores indicadores de saúde, o que suxire un patrón distributivo inadecuado.

Existen diversas e complexas fontes de financiamento das subrexións de saúde, debido á pluralidade de institucións que remiten fondos (Diversos programas e institucións do MINSA, Ministerio de Economía e Finanzas, cooperación externa...)

Non se conta cunha política respecto á xeración de ingresos propios, e existen criterios diferentes segundo os establecementos de saúde. Esta situación xera inequidades.

G. Cooperación técnica e financeira externa.

En 1992 a asistencia externa ao Perú ascendeu a US$ 875.871.000. Desta cantidade, o 1.6% proveu de organizacións no internacionais.

Desta cooperación correspondeu ao sector saúde o 3.9% (5.600 millóns de pesetas).

En 1993, a Oficina de Cooperación Externa do MINSA formulou o Programa Nacional de Cooperación Técnica Internacional do Sector Saúde, que destaca tres áreas prioritarias:

  • Desenvolvemento e fortalecemento de programas e servizos.
  • Desenvolvemento de recursos humanos.
  • Cooperación andina en saúde.