Estatutos

A Coruña, mazo de 2004

CAPÍTULO PRIMEIRO

DENOMINACIÓN, DOMICILIO, ÁMBITO, OBXECTO E ACTIVIDADES

Artigo 1º. - Constitúese na cidade da Coruña unha asociación non gobernamental, sen ánimo de lucro, que se denominará ASOCIACIÓN LABAÑOU SOLIDARIA, dedicada a fins de cooperación socio-sanitarios, cun enfoque integral de desenvolvemento, e que se rexerá pola vixente Lei de Asociacións e polos presentes estatutos.

Artigo 2º. - O domicilio social da asociación establécese na cidade da Coruña, na Rúa Nosa Señora do Perpetuo Socorro, número 13, baixo, 15011. Poderán ser creados locais sociais noutras cidades mediante acordo da Xunta Directiva, que terá atribucións para cambiar tanto o domicilio coma os locais, dando conta do seu acordo ao organismo encargado do rexistro.

Artigo 3º. - O ámbito territorial dentro do cal a asociación desenvolverá as súas actividades circunscríbese á provincia da Coruña. Terá unha duración indefinida e só se disolverá por acordo da asemblea xeral extraordinaria ou por calquera das causas previstas nas leis.

Artigo 4º. - O ámbito de actuación da ASOCIACIÓN LABAÑOU SOLIDARIA esténdese a todos os países do mundo, especialmente a comunidades con características de subdesenvolvemento e marxinalidade social.

Artigo 5º. - O obxecto social desta ASOCIACIÓN Consistirá no:

  • Estudo e diagnóstico pormenorizado da situación sanitaria e socio-laboral da poboación obxecto de actuación.
  • Deseño de políticas de actuación, cara á realización de actividades que posibiliten:
  • Mellora das condicións sanitarias (de atención primaria de saúde).
  • Desenvolvemento agropecuario.
  • Desenvolvemento económico (con todas aquelas actuacións necesarias para a poboación obxecto de traballo)
  • Desenvolvemento Comunitario.
  • Educación en Valores, tendentes a cooperación internacional, paz e solidariedade, tanto coas poboacións obxecto de actuación, como a poboación da Cidade da Coruña, especialmente dirixida a nenos e nenas, e mozos.
  • Tamén serán obxecto de atención as diversas problemáticas que requiran a promoción de accións e proxectos específicos naqueles colectivos de poboación integrados por grupos vulnerables (nenos, novos, homes e mulleres con problemas de violencia e discriminación).
  • Igualmente, será obxecto de atención particular a promoción e defensa do medio e dos dereitos humanos naqueles lugares nos que se traballe.
  • Entre os obxectivos fundamentais desta asociación, de carácter non lucrativo, destaca a intención de levar adiante, de xeito sistemático, accións que fortalezan e eleven o benestar e a calidade de vida dos habitantes dos núcleos de poboación nos que se considere necesario incidir.

Artigo 6º. - O traballo e as actividades multidisciplinarias da asociación asentaranse en principios e métodos científicos, técnicos, participativos e democráticos na toma de decisións colexiadas, e axustarase xuridicamente á doutrina nacional e internacional.

Debe realizarse toda clase de intercambio sobre proxectos, estudos, colaboración, ideas e experiencias con outras organizacións similares, nacionais e internacionais, para acrecentar así o patrimonio intelectual, físico, administrativo, técnico e financeiro desta asociación.

Favorecerase en todo momento o intercambio cultural naqueles lugares nos que se emprendan proxectos de cooperación.

A asociación promoverá un seguimento sistemático da correcta ou incorrecta utilización e consumo dos recursos humanos, naturais, financeiros e fiscais coa finalidade de facer propostas científicas, técnicas, xurídicas e sociais para conseguir un axeitado manexo destes recursos.

Se fose necesario, a asociación pode adquirir bens mobles e inmobles, así como maquinaria, aparellos, e toda clase de equipos e accesorios que coadxuven ao desenvolvemento do obxectivo e actividade desta organización, tamén materias primas, estudos e traballos de investigación.

Artigo 7º. - A xunta directiva será o órgano competente para interpretar os preceptos contidos nestes estatutos e cubrir as lagoas que poidan conter, aténdose sempre á normativa legal vixente en materia de asociacións.

Os presentes estatutos serán desenvolvidos e cumprido mediante os acordos que validamente adopten a xunta directiva e a asemblea xeral, dentro da súa respectiva competencia.