Estatutos - Capítulo Segundo

CAPÍTULO SEGUNDO

ÓRGANOS DA ASOCIACIÓN: ASEMBLEA XERAL E XUNTA DIRECTIVA

SECCIÓN PRIMEIRA: A ASEMBLEA XERAL

Artigo 8º. - Composición da Asemblea Xeral

  1. A Asemblea Xeral está integrada por todos os socios que se reúnen para deliberar e tomar acordos como órgano supremo de expresión da vontade da asociación.
  2. Os acordos da Asemblea Xeral, adoptados en conformidade coas leis e con estes estatutos, obrigan todos os membros asociados, mesmo os que non participaran na reunión e os que, aínda estando presentes, se abstiveran de votar.
  3. As asembleas xerais poden ser ordinarias e extraordinarias.

Artigo 9º. - Facultades

  1. Será preceptivo, baixo pena de nulidade, o acordo da Asemblea Xeral para os seguintes actos:
    1. Nomeamento e revogación dos membros da Xunta Directiva.
    2. Aprobar os presupostos anuais de ingresos e gastos, así como o estado de contas correspondente ao ano anterior, e a memoria anual de actividades.
    3. Establecer as cotas base que os membros da asociación teñan que satisfacer e a súa actualización, así como a denominada cota ordinaria.
    4. Modificación, fósese preciso, dos estatutos da asociación.
    5. Fusión, disolución e liquidación da asociación.
    6. Adopción dos acordos relativos á representación legal, xestión e defensa dos intereses dos membros.
    7. Controlar a actividade e xestión da Xunta Directiva.
    8. Establecer as liñas xerais de actuación que lle permitan á asociación cumprir cos fins desexados.
    9. Dispoñer e allear os bens da asociación.
  2. Todos os asuntos propios da asociación, aínda que sexan competencia da Xunta Directiva, poden ser obxecto de debate e acordo na Asemblea Xeral.

Artigo 10º. - Convocatoria da Asemblea Xeral

  1. A Asemblea Xeral ordinaria deberá ser convocada pola Xunta Directiva polo menos unha vez ao ano, dentro dos seis primeiros meses. Se transcorrese este prazo sen que se efectuase a convocatoria, calquera membro asociado pode solicitar que se ordene a convocatoria.
  2. A Asemblea Xeral extraordinaria convocarase sempre que sexa necesario por iniciativa da Xunta Directiva, ou ben a petición do 30 por cento dos membros asociados. Á petición ou solicitude de asemblea acompañarase a orde do día desta.

Artigo 11º. - Forma da convocatoria

  1. A convocatoria da Asemblea Xeral publicarase no taboleiro de anuncios do domicilio da asociación e comunicarase por escrito a cada un dos socios.
  2. A publicación ou notificación da convocatoria efectuarase cunha antelación mínima de 10 días hábiles á data prevista para a celebración da Asemblea Xeral. A data de celebración da asemblea non pode ser posterior en máis de dous meses á data de publicación ou notificación da convocatoria.
  3. A convocatoria debe indicar a data, se é en primeira ou en segunda convocatoria, a hora e o lugar da xunta, e expresará con claridade e precisión os asuntos que compoñen a orde do día.
  4. O intervalo de tempo que debe mediar entre a primeira e a segunda convocatoria será de media hora.
  5. A orde do día será fixada pola Xunta Directiva. Debe incluír os asuntos que ela propoña e os que por escrito lle fosen propostos por un número de membros asociados que representen o 10 por cento.
  6. A Asemblea Xeral celebrarase na localidade na que radique o domicilio social da asociación.
  7. Non obstante o establecido nos apartados anteriores deste artigo, non será necesaria a convocatoria, nin existirá limitación sobre o lugar no que deba realizarse a Asemblea Xeral, sempre que estean presentes todos os socios e acepten por unanimidade a reunión da asemblea e os asuntos que se deben tratar nela; nese caso, todos os membros asociados asinarán a acta na que se acorde a asemblea.

Artigo 12º. - Funcionamento da Asemblea Xeral

  1. A Asemblea Xeral quedará validamente constituída en primeira convocatoria cando estean presentes ou representados a maioría dos asociados e, en segunda convocatoria, calquera que sexa o número de asociados concorrentes. Poden asistir todos os membros asociados que o sexan na data do anuncio da convocatoria, e que na data de celebración da asemblea sigan sendo e non estean suspendidos de tal dereito.
    O presidente da asociación, asistido polo secretario, realizará o cómputo de socios presentes e representados na asemblea e declarará, se procede, que este queda constituído.
  2. A Asemblea Xeral estará presidida polo presidente da Xunta Directiva e, en ausencia deste, polo vicepresidente a falta de ambos os dous, polo vogal de máis idade. Actuará de secretario o que o sexa da Xunta Directiva e, a falta deste, o vogal de menos idade.
    Se na orde do día figuran asuntos que afecten directamente a quen, conforme ao establecido neste apartado, debe actuar como presidente ou secretario da asemblea, esta designará a quen debe desempeñar tales funcións.
  3. Corresponde ao presidente da asemblea dirixir as deliberacións, manter a orde no desenvolvemento da asemblea e velar polo cumprimento das formalidades esixidas por lei.
  4. Serán nulos os acordos sobre asuntos que non consten na orde do día, salvo o de convocar unha nova Asemblea Xeral ou o de prorrogar a Asemblea Xeral.

Artigo 13º. - Dereito de voto

  1. Cada membro asociado terá dereito a un voto nas reunións da Asemblea Xeral.
  2. O dereito de voto pode ser exercido por medio doutro membro asociado, que nunca poderá representar máis de cinco. A delegación de voto só pódese realizar para unha asemblea concreta e debe facerse mediante escrito autógrafo.

Artigo 14º. - Adopción de acordos

  1. A Asemblea Xeral adoptará os acordos por maioría de votos validamente expresados, non sendo computables para estes efectos nin os votos en branco nin as abstencións.
  2. Para adoptar acordos de modificación de estatutos, disolución da asociación, constitución dunha federación de asociacións similares ou integración nunha que xa exista será necesario o voto favorable das dúas terceiras partes dos asociados, presentes ou representados.
  3. Os acordos adoptados pola Asemblea Xeral producirán os efectos inherentes dende o momento no que se tomasen.

Artigo 15º. - Acta da Asemblea Xeral

  1. A acta da asemblea, que debe redactar o secretario, expresará o lugar e a data das deliberacións, o número dos membros asociados existentes, se se realiza en primeira ou segunda convocatoria, un resumo dos asuntos debatidos, as intervencións das que se solicitase constancia na acta, os acordos adoptados e o resultado numérico das votacións.
  2. A acta da sesión da Asemblea Xeral pode ser aprobada pola propia asemblea ou, se non, nun prazo de 15 días polo presidente da asemblea e tres socios designados na mesma asemblea.
    En todo caso, a acta pasarase ao correspondente libro de actas da Asemblea Xeral polo secretario.

SECCIÓN SEGUNDA: A XUNTA DIRECTIVA

Artigo 16º. - Natureza e competencia

A Xunta Directiva é o órgano de goberno, xestión e representación da asociación con suxeición á Lei Orgánica 1/2002 do 22 de Marzo, a estes estatutos e á política xeral fixada pola Asemblea Xeral.

Correspóndenlle á Xunta Directiva cantas facultades non estean reservadas pola Lei de Asociacións ou por estes estatutos á Asemblea Xeral

Artigo 17º. - Exercicio da representación

  1. O presidente da Xunta Directiva, que tamén preside a asociación, asume a representación legal desta. Executará os acordos adoptados pola Asemblea Xeral e pola Xunta Directiva, sen prexuízo de incorrer en responsabilidade se a súa actuación non se axusta ao encomendado.
  2. A Xunta Directiva poderá conferir apoderamentos a calquera persoa, coas facultades representativas que se establezan na escritura de poder.

Artigo 18º. - Composición e elección

  1. A Xunta Directiva estará formada por un presidente, un vicepresidente, un secretario, un tesoureiro e tres vogais.
  2. Soamente poden ser elixidos membros da Xunta Directiva os socios que non estean incursos nalgunha das prohibicións da Lei de Asociacións.
  3. Os integrantes da Xunta Directiva serán elixidos pola Asemblea Xeral, con votación polo maior número de votos.
  4. A convocatoria da elección dos membros da Xunta Directiva anunciarase mediante escrito a todos os membros asociados, como mínimo, cun mes de antelación ao remate do mandato dos membros que cesen nos seus cargos. Concederase un prazo de quince días para a presentación de candidaturas; pasado este prazo, e dentro dos tres días seguintes, a Xunta Directiva procederá á proclamación dos candidatos e á convocatoria da Asemblea Xeral.
  5. As candidaturas a membros da Xunta Directiva deben presentarse aceptadas e asinadas por todos e cada un dos candidatos, que necesariamente terán a condición de membro asociado cunha antigüidade mínima dun ano. A Asemblea Xeral elixe os membros da Xunta Directiva e esta, á súa vez, tras a constitución, designa os cargos que ocuparán os membros elixidos.
  6. As candidaturas serán abertas e poderán ser votadas total ou parcialmente, e poderá ser substituído calquera candidato por outro dunha candidatura diferente.
  7. Os membros da Xunta Directiva serán elixidos mediante voto persoal, secreto e universal.

Artigo 19º. - Duración e cesamento, vacantes e retribución

  1. Os membros da Xunta Directiva serán elixidos por un período de dous anos, e serán renovados por metades anualmente. Na primeira renovación da Xunta Directiva, cando transcorra a metade do prazo antes sinalado, serán elixidos de novo presidente, tesoureiro e dous vogais. Na segunda renovación serán elixidos o vicepresidente, o secretario e o outro vogal.
    Os membros da Xunta Directiva continuarán nos seus cargos ata o momento no que se produza a renovación, aínda que xa concluíse o período para o cal foron elixidos.
  2. A renuncia dos membros da Xunta Directiva deberá presentarse por escrito e razoando os motivos da dimisión ou renuncia.
    Tamén se pode producir o cesamento no cargo por baixa como membro da asociación.
    Ademais, os membros da Xunta Directiva poden ser destituídos do seu cargo en calquera momento por acordo da Asemblea Xeral, adoptado por maioría simple.
  3. As vacantes que se produzan na Xunta Directiva cubriranse na primeira Asemblea Xeral que se celebre. Non obstante, a Xunta Directiva poderá nomear un membro da asociación para que ocupe o cargo vacante ata a celebración da próxima Asemblea Xeral.
  4. Se na celebración da Asemblea Xeral non se cubrisen a totalidade das vogalías, a Xunta Directiva elixida poderá nomear un membro asociado para que ocupe o cargo vacante ata a próxima Asemblea Xeral.
  5. Os cargos que compoñen a Xunta Directiva non serán remunerados.

Artigo 20º. - Funcionamento

  1. A Xunta Directiva debe ser convocada polo presidente, ou polo membro que o substitúa, por iniciativa propia ou a pedimento de calquera membro da xunta. Se a solicitude non fose atendida no prazo de dez días, poderá ser convocada polo directivo que fixera a petición, sempre que logre a adhesión, polo menos, dun terzo da Xunta. Non será necesaria a convocatoria cando, estando presentes todos os directivos, decidan por unanimidade a celebración da xunta.
    Pode convocarse á reunión da Xunta Directiva, sen dereito a voto, a calquera técnico ou profesional que sexa de interese para a asociación.
  2. A Xunta Directiva quedará validamente constituída cando concorran persoalmente á reunión máis da metade dos compoñentes. Os directivos non poden ser representados.
    Os membros da Xunta Directiva están obrigados a asistir a todas as xuntas que se convoquen, pero poden escusar a asistencia por causas xustificadas.
    En calquera caso, será necesaria a asistencia do presidente e do secretario ou das persoas que os substitúan.
  3. Os acordos adoptaranse, salvo que se acorde de xeito regulamentario outra cousa, por máis da metade dos votos validamente expresados. Será suficiente o voto favorable dun terzo dos membros que constitúan a xunta para acordar os asuntos que deban incluírse na orde do día da Asemblea Xeral. Cada directivo terá un voto. O voto do presidente dirimirá os empates.
  4. A acta da reunión, asinada polo presidente e o secretario, que a redactará, recollerá os debates de forma sucinta e o texto dos acordos, así como o resultado numérico das votacións.

Artigo 21º. - Facultades da Xunta Directiva

A Xunta Directiva posúe as seguintes facultades:

  1. Exercer e executar a representación, a dirección e a administración da asociación e cumprir as decisións tomadas pola asemblea xeral.
  2. Tomar os acordos necesarios para a comparecencia ante os organismos públicos para o exercicio de toda clase de accións legais e para interpoñer os recursos pertinentes.
  3. Propoñer á Asemblea Xeral a defensa dos intereses da asociación.
  4. Propoñer á Asemblea Xeral o establecemento das cotas que os membros da asociación teñan que satisfacer.
  5. Convocar as Asembleas Xerais e controlar que os acordos que nelas se adopten se cumpran.
  6. Elaborar o balance e o estado de contas de cada exercicio e confeccionar os presupostos do exercicio seguinte para someter todo iso á consideración e aprobación da Asemblea Xeral.
  7. Elaborar a memoria anual de actividades e sometela á aprobación da Asemblea Xeral.
  8. Establecer grupos e comisións de traballo, se o considera necesario, para conseguir do xeito máis eficiente e eficaz os fins da asociación, e autorizar os actos que estes grupos pretendan realizar.
  9. Nomear o vogal da Xunta Directiva que teña que encargarse de cada grupo de traballo ou comisión, por proposta do mesmo grupo ou comisión.
  10. Realizar as xestións necesarias ante os organismos públicos, entidades e institucións nacionais e internacionais ou calquera persoa para conseguir subvencións, axudas e toda xestión necesaria para a cooperación a nivel nacional e internacional.
  11. Designar os membros da Xunta Directiva que quedarán autorizados para abrir contas correntes e de aforro en calquera establecemento de crédito ou bancario, así como o número e forma en que estarán autorizados a dispoñer dos fondos que haxa nestes depósitos.
  12. Aprobar os proxectos que teña que acometer a asociación.
  13. Interpretar e executar os estatutos e velar polo seu cumprimento.
  14. Calquera outra facultade que non estea atribuída de forma específica á Asemblea Xeral e aquelas que se lle deleguen expresamente.

Artigo 22º. - Responsabilidade dos membros da Xunta Directiva

  1. Os membros da Xunta Directiva desempeñarán o cargo de forma eficiente e responsable.
  2. Responderán persoalmente fronte á asociación e fronte aos socios e fronte a terceiros do dano causado por abuso de facultades ou neglixencia grave.

Artigo 23º. - Funcións do presidente e vicepresidente da Xunta Directiva

Son propias do presidente as funcións seguintes:

  1. As de dirección e representación legal da asociación por delegación da Asemblea Xeral e da Xunta Directiva.
  2. Presidencia e dirección dos debates, tanto da Asemblea Xeral coma da Xunta Directiva.
  3. Emitir voto de calidade decisorio nos casos de empate.
  4. Convocar as reunións da Asemblea Xeral e da Xunta Directiva.
  5. Visar as actas e os certificados confeccionados polo secretario da asociación.
  6. As atribucións restantes propias do cargo e as que delegue a Asemblea Xeral ou a Xunta Directiva.
    O vicepresidente asumirá as función que lle delegue o presidente e substituirao en caso de ausencia.

Artigo 24º. - Tesoureiro da Xunta Directiva

  1. O tesoureiro terá como función a custodia e o control dos recursos económicos da asociación, así como tamén a elaboración do presuposto, o balance, e a liquidación de contas, co fin de sometelos á Xunta Directiva.
  2. O tesoureiro asinará os recibos, cotas e outros documentos da tesouraría, levará un rexistro da caixa, e outro de contas cos bancos, e aprobará o pagamento das facturas que sexan necesarias para o funcionamento da asociación.

Artigo 25º. - O secretario da Xunta Directiva

O secretario debe custodiar a documentación da asociación, redactar e asinar as actas das reunións da Asemblea Xeral e da Xunta Directiva, redactar e autorizar as certificacións que haxa que tramitar, e levar o rexistro dos membros da asociación.