Estatutos - Capítulo Terceiro
CAPÍTULO TERCEIRO
OS SOCIOS: DEREITOS E DEBERES.
Artigo 26º. - Poden ser membros as persoas maiores de idade, físicas ou xurídicas, que dalgún xeito teñan interese en desenvolver os fins da asociación e que se sometan aos estatutos.
A Xunta Directiva pode outorgar o nomeamento de membro honorario a aquelas persoas, físicas ou xurídicas, que, polo seu prestixio ou por contribuír de xeito relevante á dignificación ou desenvolvemento desta, sexan merecedores de tal distinción.
Son membros colaboradores aquelas persoas que contribúan exclusivamente con cotas ou achegas extraordinarias ao sostemento da asociación.
Artigo 27º. -As persoas que desexen pertencer á asociación, solicitarano por escrito ao presidente, quen llo comunicará á Xunta Directiva para que esta resolva sobre a admisión ou inadmisión do socio, sen que caiba ningún recurso contra o seu acordo.
Non se adquire a condición de socio mentres non se satisfaga a cota de entrada na conta e na forma que estableza a Xunta Directiva.
Artigo 28º. - Os membros da asociación terán os seguintes dereitos:
- Ser elector e elixible para os cargos dos órganos directivos.
 - Formular propostas e participar, con voz e voto, na adopción de acordos na Asemblea Xeral e nos demais órganos sociais dos que formen parte.
 - Participar nas actividades que promova a asociación e nos actos sociais que organice para todos os socios.
 - Recibir a información necesaria para o exercicio dos seus dereitos e o cumprimento das súas obrigas, en conformidade coas normas legais.
 - Recibir, se así o solicitasen, unha copia destes estatutos e ter coñecemento dos acordos adoptados polos órganos directivos.
 - Que se lles poña de manifesto o estado de contas dos ingresos e gastos da asociación todos os anos.
 
Artigo 29º. - Os membros da asociación terán as seguintes obrigas:
- Acatar as normas estatuarias e os acordos validamente adoptados pola Asemblea Xeral e pola Xunta Directiva.
 - Aboar puntualmente as cotas de entrada e as periódicas que acorde a Xunta Directiva.
 - Desempeñar as obrigas inherentes ao cargo que desempeñen e prestar a colaboración necesaria para o bo funcionamento da asociación.
 - Cumprir os principios da asociación e os preceptos establecidos nas leis e nos estatutos.
 
Artigo 30º. - Os socios poden ser sancionados pola Xunta Directiva por infrinxir reiteradamente os presentes estatutos ou os acordos da Asemblea Xeral ou da Xunta Directiva. As sancións poden comprender dende a suspensión dos dereitos durante un mes ata a separación definitiva da asociación, nos termos que prevé a lei.
Artigo 31º. - Os socios poden solicitar a baixa na asociación voluntariamente mediante un aviso por escrito á Xunta Directiva, pero isto non os eximirá de satisfacer as obrigas que teñan pendentes con ela.
A Xunta Directiva pode acordar o cesamento na asociación daqueles socios que:
- adopten actitudes e comportamentos contrarios aos principios e valores da asociación.
 - prexudiquen os intereses materiais ou o prestixio social da asociación.
 - usurpen funcións da Xunta Directiva.
 - falsifiquen documentos, firmas, selos ou datos da asociación.
 - falseen voluntariamente datos e informacións do servizo realizado.
 - realicen fraude, deslealdade ou abuso de confianza nas xestións que se lle encomenden, así como calquera conduta constitutiva de delito.
 - demoren no pagamento das cotas establecidas máis de noventa días, contados dende a data do vencemento, salvo causa xustificada.
 
A baixa ou expulsión soamente pode ser acordada pola Xunta Directiva. Debe ser precedida de expediente, no que hai que oír o interesado. O socio pode recorrer contra o acordo de expulsión no prazo de quince días, dende que lle sexa notificado, ante a Asemblea Xeral. O acordo de expulsión será firme dende que sexa ratificado polo Asemblea Xeral.
                                    
						
						
 
