Estatutos
A Coruña, mazo de 2004
CAPÍTULO PRIMEIRO
DENOMINACIÓN, DOMICILIO, ÁMBITO, OBXECTO E ACTIVIDADES
Artigo 1º. - Constitúese na cidade da Coruña unha asociación non gobernamental, sen ánimo de lucro, que se denominará ASOCIACIÓN LABAÑOU SOLIDARIA, dedicada a fins de cooperación socio-sanitarios, cun enfoque integral de desenvolvemento, e que se rexerá pola vixente Lei de Asociacións e polos presentes estatutos.
Artigo 2º. - O domicilio social da asociación establécese na cidade da Coruña, na Rúa Nosa Señora do Perpetuo Socorro, número 13, baixo, 15011. Poderán ser creados locais sociais noutras cidades mediante acordo da Xunta Directiva, que terá atribucións para cambiar tanto o domicilio coma os locais, dando conta do seu acordo ao organismo encargado do rexistro.
Artigo 3º. - O ámbito territorial dentro do cal a asociación desenvolverá as súas actividades circunscríbese á provincia da Coruña. Terá unha duración indefinida e só se disolverá por acordo da asemblea xeral extraordinaria ou por calquera das causas previstas nas leis.
Artigo 4º. - O ámbito de actuación da ASOCIACIÓN LABAÑOU SOLIDARIA esténdese a todos os países do mundo, especialmente a comunidades con características de subdesenvolvemento e marxinalidade social.
Artigo 5º. - O obxecto social desta ASOCIACIÓN Consistirá no:
- Estudo e diagnóstico pormenorizado da situación sanitaria e socio-laboral da poboación obxecto de actuación.
 - Deseño de políticas de actuación, cara á realización de actividades que posibiliten:
 - Mellora das condicións sanitarias (de atención primaria de saúde).
 - Desenvolvemento agropecuario.
 - Desenvolvemento económico (con todas aquelas actuacións necesarias para a poboación obxecto de traballo)
 - Desenvolvemento Comunitario.
 - Educación en Valores, tendentes a cooperación internacional, paz e solidariedade, tanto coas poboacións obxecto de actuación, como a poboación da Cidade da Coruña, especialmente dirixida a nenos e nenas, e mozos.
 - Tamén serán obxecto de atención as diversas problemáticas que requiran a promoción de accións e proxectos específicos naqueles colectivos de poboación integrados por grupos vulnerables (nenos, novos, homes e mulleres con problemas de violencia e discriminación).
 - Igualmente, será obxecto de atención particular a promoción e defensa do medio e dos dereitos humanos naqueles lugares nos que se traballe.
 - Entre os obxectivos fundamentais desta asociación, de carácter non lucrativo, destaca a intención de levar adiante, de xeito sistemático, accións que fortalezan e eleven o benestar e a calidade de vida dos habitantes dos núcleos de poboación nos que se considere necesario incidir.
 
Artigo 6º. - O traballo e as actividades multidisciplinarias da asociación asentaranse en principios e métodos científicos, técnicos, participativos e democráticos na toma de decisións colexiadas, e axustarase xuridicamente á doutrina nacional e internacional.
Debe realizarse toda clase de intercambio sobre proxectos, estudos, colaboración, ideas e experiencias con outras organizacións similares, nacionais e internacionais, para acrecentar así o patrimonio intelectual, físico, administrativo, técnico e financeiro desta asociación.
Favorecerase en todo momento o intercambio cultural naqueles lugares nos que se emprendan proxectos de cooperación.
A asociación promoverá un seguimento sistemático da correcta ou incorrecta utilización e consumo dos recursos humanos, naturais, financeiros e fiscais coa finalidade de facer propostas científicas, técnicas, xurídicas e sociais para conseguir un axeitado manexo destes recursos.
Se fose necesario, a asociación pode adquirir bens mobles e inmobles, así como maquinaria, aparellos, e toda clase de equipos e accesorios que coadxuven ao desenvolvemento do obxectivo e actividade desta organización, tamén materias primas, estudos e traballos de investigación.
Artigo 7º. - A xunta directiva será o órgano competente para interpretar os preceptos contidos nestes estatutos e cubrir as lagoas que poidan conter, aténdose sempre á normativa legal vixente en materia de asociacións.
Os presentes estatutos serán desenvolvidos e cumprido mediante os acordos que validamente adopten a xunta directiva e a asemblea xeral, dentro da súa respectiva competencia.
CAPÍTULO SEGUNDO
ÓRGANOS DA ASOCIACIÓN: ASEMBLEA XERAL E XUNTA DIRECTIVA
SECCIÓN PRIMEIRA: A ASEMBLEA XERAL
Artigo 8º. - Composición da Asemblea Xeral
- A Asemblea Xeral está integrada por todos os socios que se reúnen para deliberar e tomar acordos como órgano supremo de expresión da vontade da asociación.
 - Os acordos da Asemblea Xeral, adoptados en conformidade coas leis e con estes estatutos, obrigan todos os membros asociados, mesmo os que non participaran na reunión e os que, aínda estando presentes, se abstiveran de votar.
 - As asembleas xerais poden ser ordinarias e extraordinarias.
 
Artigo 9º. - Facultades
- Será preceptivo, baixo pena de nulidade, o acordo da Asemblea Xeral para os seguintes actos:
- Nomeamento e revogación dos membros da Xunta Directiva.
 - Aprobar os presupostos anuais de ingresos e gastos, así como o estado de contas correspondente ao ano anterior, e a memoria anual de actividades.
 - Establecer as cotas base que os membros da asociación teñan que satisfacer e a súa actualización, así como a denominada cota ordinaria.
 - Modificación, fósese preciso, dos estatutos da asociación.
 - Fusión, disolución e liquidación da asociación.
 - Adopción dos acordos relativos á representación legal, xestión e defensa dos intereses dos membros.
 - Controlar a actividade e xestión da Xunta Directiva.
 - Establecer as liñas xerais de actuación que lle permitan á asociación cumprir cos fins desexados.
 - Dispoñer e allear os bens da asociación.
 
 - Todos os asuntos propios da asociación, aínda que sexan competencia da Xunta Directiva, poden ser obxecto de debate e acordo na Asemblea Xeral.
 
Artigo 10º. - Convocatoria da Asemblea Xeral
- A Asemblea Xeral ordinaria deberá ser convocada pola Xunta Directiva polo menos unha vez ao ano, dentro dos seis primeiros meses. Se transcorrese este prazo sen que se efectuase a convocatoria, calquera membro asociado pode solicitar que se ordene a convocatoria.
 - A Asemblea Xeral extraordinaria convocarase sempre que sexa necesario por iniciativa da Xunta Directiva, ou ben a petición do 30 por cento dos membros asociados. Á petición ou solicitude de asemblea acompañarase a orde do día desta.
 
Artigo 11º. - Forma da convocatoria
- A convocatoria da Asemblea Xeral publicarase no taboleiro de anuncios do domicilio da asociación e comunicarase por escrito a cada un dos socios.
 - A publicación ou notificación da convocatoria efectuarase cunha antelación mínima de 10 días hábiles á data prevista para a celebración da Asemblea Xeral. A data de celebración da asemblea non pode ser posterior en máis de dous meses á data de publicación ou notificación da convocatoria.
 - A convocatoria debe indicar a data, se é en primeira ou en segunda convocatoria, a hora e o lugar da xunta, e expresará con claridade e precisión os asuntos que compoñen a orde do día.
 - O intervalo de tempo que debe mediar entre a primeira e a segunda convocatoria será de media hora.
 - A orde do día será fixada pola Xunta Directiva. Debe incluír os asuntos que ela propoña e os que por escrito lle fosen propostos por un número de membros asociados que representen o 10 por cento.
 - A Asemblea Xeral celebrarase na localidade na que radique o domicilio social da asociación.
 - Non obstante o establecido nos apartados anteriores deste artigo, non será necesaria a convocatoria, nin existirá limitación sobre o lugar no que deba realizarse a Asemblea Xeral, sempre que estean presentes todos os socios e acepten por unanimidade a reunión da asemblea e os asuntos que se deben tratar nela; nese caso, todos os membros asociados asinarán a acta na que se acorde a asemblea.
 
Artigo 12º. - Funcionamento da Asemblea Xeral
- A Asemblea Xeral quedará validamente constituída en primeira convocatoria cando estean presentes ou representados a maioría dos asociados e, en segunda convocatoria, calquera que sexa o número de asociados concorrentes. Poden asistir todos os membros asociados que o sexan na data do anuncio da convocatoria, e que na data de celebración da asemblea sigan sendo e non estean suspendidos de tal dereito.
O presidente da asociación, asistido polo secretario, realizará o cómputo de socios presentes e representados na asemblea e declarará, se procede, que este queda constituído. - A Asemblea Xeral estará presidida polo presidente da Xunta Directiva e, en ausencia deste, polo vicepresidente a falta de ambos os dous, polo vogal de máis idade. Actuará de secretario o que o sexa da Xunta Directiva e, a falta deste, o vogal de menos idade.
Se na orde do día figuran asuntos que afecten directamente a quen, conforme ao establecido neste apartado, debe actuar como presidente ou secretario da asemblea, esta designará a quen debe desempeñar tales funcións. - Corresponde ao presidente da asemblea dirixir as deliberacións, manter a orde no desenvolvemento da asemblea e velar polo cumprimento das formalidades esixidas por lei.
 - Serán nulos os acordos sobre asuntos que non consten na orde do día, salvo o de convocar unha nova Asemblea Xeral ou o de prorrogar a Asemblea Xeral.
 
Artigo 13º. - Dereito de voto
- Cada membro asociado terá dereito a un voto nas reunións da Asemblea Xeral.
 - O dereito de voto pode ser exercido por medio doutro membro asociado, que nunca poderá representar máis de cinco. A delegación de voto só pódese realizar para unha asemblea concreta e debe facerse mediante escrito autógrafo.
 
Artigo 14º. - Adopción de acordos
- A Asemblea Xeral adoptará os acordos por maioría de votos validamente expresados, non sendo computables para estes efectos nin os votos en branco nin as abstencións.
 - Para adoptar acordos de modificación de estatutos, disolución da asociación, constitución dunha federación de asociacións similares ou integración nunha que xa exista será necesario o voto favorable das dúas terceiras partes dos asociados, presentes ou representados.
 - Os acordos adoptados pola Asemblea Xeral producirán os efectos inherentes dende o momento no que se tomasen.
 
Artigo 15º. - Acta da Asemblea Xeral
- A acta da asemblea, que debe redactar o secretario, expresará o lugar e a data das deliberacións, o número dos membros asociados existentes, se se realiza en primeira ou segunda convocatoria, un resumo dos asuntos debatidos, as intervencións das que se solicitase constancia na acta, os acordos adoptados e o resultado numérico das votacións.
 - A acta da sesión da Asemblea Xeral pode ser aprobada pola propia asemblea ou, se non, nun prazo de 15 días polo presidente da asemblea e tres socios designados na mesma asemblea.
En todo caso, a acta pasarase ao correspondente libro de actas da Asemblea Xeral polo secretario. 
SECCIÓN SEGUNDA: A XUNTA DIRECTIVA
Artigo 16º. - Natureza e competencia
A Xunta Directiva é o órgano de goberno, xestión e representación da asociación con suxeición á Lei Orgánica 1/2002 do 22 de Marzo, a estes estatutos e á política xeral fixada pola Asemblea Xeral.
Correspóndenlle á Xunta Directiva cantas facultades non estean reservadas pola Lei de Asociacións ou por estes estatutos á Asemblea Xeral
Artigo 17º. - Exercicio da representación
- O presidente da Xunta Directiva, que tamén preside a asociación, asume a representación legal desta. Executará os acordos adoptados pola Asemblea Xeral e pola Xunta Directiva, sen prexuízo de incorrer en responsabilidade se a súa actuación non se axusta ao encomendado.
 - A Xunta Directiva poderá conferir apoderamentos a calquera persoa, coas facultades representativas que se establezan na escritura de poder.
 
Artigo 18º. - Composición e elección
- A Xunta Directiva estará formada por un presidente, un vicepresidente, un secretario, un tesoureiro e tres vogais.
 - Soamente poden ser elixidos membros da Xunta Directiva os socios que non estean incursos nalgunha das prohibicións da Lei de Asociacións.
 - Os integrantes da Xunta Directiva serán elixidos pola Asemblea Xeral, con votación polo maior número de votos.
 - A convocatoria da elección dos membros da Xunta Directiva anunciarase mediante escrito a todos os membros asociados, como mínimo, cun mes de antelación ao remate do mandato dos membros que cesen nos seus cargos. Concederase un prazo de quince días para a presentación de candidaturas; pasado este prazo, e dentro dos tres días seguintes, a Xunta Directiva procederá á proclamación dos candidatos e á convocatoria da Asemblea Xeral.
 - As candidaturas a membros da Xunta Directiva deben presentarse aceptadas e asinadas por todos e cada un dos candidatos, que necesariamente terán a condición de membro asociado cunha antigüidade mínima dun ano. A Asemblea Xeral elixe os membros da Xunta Directiva e esta, á súa vez, tras a constitución, designa os cargos que ocuparán os membros elixidos.
 - As candidaturas serán abertas e poderán ser votadas total ou parcialmente, e poderá ser substituído calquera candidato por outro dunha candidatura diferente.
 - Os membros da Xunta Directiva serán elixidos mediante voto persoal, secreto e universal.
 
Artigo 19º. - Duración e cesamento, vacantes e retribución
- Os membros da Xunta Directiva serán elixidos por un período de dous anos, e serán renovados por metades anualmente. Na primeira renovación da Xunta Directiva, cando transcorra a metade do prazo antes sinalado, serán elixidos de novo presidente, tesoureiro e dous vogais. Na segunda renovación serán elixidos o vicepresidente, o secretario e o outro vogal.
Os membros da Xunta Directiva continuarán nos seus cargos ata o momento no que se produza a renovación, aínda que xa concluíse o período para o cal foron elixidos. - A renuncia dos membros da Xunta Directiva deberá presentarse por escrito e razoando os motivos da dimisión ou renuncia.
Tamén se pode producir o cesamento no cargo por baixa como membro da asociación.
Ademais, os membros da Xunta Directiva poden ser destituídos do seu cargo en calquera momento por acordo da Asemblea Xeral, adoptado por maioría simple. - As vacantes que se produzan na Xunta Directiva cubriranse na primeira Asemblea Xeral que se celebre. Non obstante, a Xunta Directiva poderá nomear un membro da asociación para que ocupe o cargo vacante ata a celebración da próxima Asemblea Xeral.
 - Se na celebración da Asemblea Xeral non se cubrisen a totalidade das vogalías, a Xunta Directiva elixida poderá nomear un membro asociado para que ocupe o cargo vacante ata a próxima Asemblea Xeral.
 - Os cargos que compoñen a Xunta Directiva non serán remunerados.
 
Artigo 20º. - Funcionamento
- A Xunta Directiva debe ser convocada polo presidente, ou polo membro que o substitúa, por iniciativa propia ou a pedimento de calquera membro da xunta. Se a solicitude non fose atendida no prazo de dez días, poderá ser convocada polo directivo que fixera a petición, sempre que logre a adhesión, polo menos, dun terzo da Xunta. Non será necesaria a convocatoria cando, estando presentes todos os directivos, decidan por unanimidade a celebración da xunta.
Pode convocarse á reunión da Xunta Directiva, sen dereito a voto, a calquera técnico ou profesional que sexa de interese para a asociación. - A Xunta Directiva quedará validamente constituída cando concorran persoalmente á reunión máis da metade dos compoñentes. Os directivos non poden ser representados.
Os membros da Xunta Directiva están obrigados a asistir a todas as xuntas que se convoquen, pero poden escusar a asistencia por causas xustificadas.
En calquera caso, será necesaria a asistencia do presidente e do secretario ou das persoas que os substitúan. - Os acordos adoptaranse, salvo que se acorde de xeito regulamentario outra cousa, por máis da metade dos votos validamente expresados. Será suficiente o voto favorable dun terzo dos membros que constitúan a xunta para acordar os asuntos que deban incluírse na orde do día da Asemblea Xeral. Cada directivo terá un voto. O voto do presidente dirimirá os empates.
 - A acta da reunión, asinada polo presidente e o secretario, que a redactará, recollerá os debates de forma sucinta e o texto dos acordos, así como o resultado numérico das votacións.
 
Artigo 21º. - Facultades da Xunta Directiva
A Xunta Directiva posúe as seguintes facultades:
- Exercer e executar a representación, a dirección e a administración da asociación e cumprir as decisións tomadas pola asemblea xeral.
 - Tomar os acordos necesarios para a comparecencia ante os organismos públicos para o exercicio de toda clase de accións legais e para interpoñer os recursos pertinentes.
 - Propoñer á Asemblea Xeral a defensa dos intereses da asociación.
 - Propoñer á Asemblea Xeral o establecemento das cotas que os membros da asociación teñan que satisfacer.
 - Convocar as Asembleas Xerais e controlar que os acordos que nelas se adopten se cumpran.
 - Elaborar o balance e o estado de contas de cada exercicio e confeccionar os presupostos do exercicio seguinte para someter todo iso á consideración e aprobación da Asemblea Xeral.
 - Elaborar a memoria anual de actividades e sometela á aprobación da Asemblea Xeral.
 - Establecer grupos e comisións de traballo, se o considera necesario, para conseguir do xeito máis eficiente e eficaz os fins da asociación, e autorizar os actos que estes grupos pretendan realizar.
 - Nomear o vogal da Xunta Directiva que teña que encargarse de cada grupo de traballo ou comisión, por proposta do mesmo grupo ou comisión.
 - Realizar as xestións necesarias ante os organismos públicos, entidades e institucións nacionais e internacionais ou calquera persoa para conseguir subvencións, axudas e toda xestión necesaria para a cooperación a nivel nacional e internacional.
 - Designar os membros da Xunta Directiva que quedarán autorizados para abrir contas correntes e de aforro en calquera establecemento de crédito ou bancario, así como o número e forma en que estarán autorizados a dispoñer dos fondos que haxa nestes depósitos.
 - Aprobar os proxectos que teña que acometer a asociación.
 - Interpretar e executar os estatutos e velar polo seu cumprimento.
 - Calquera outra facultade que non estea atribuída de forma específica á Asemblea Xeral e aquelas que se lle deleguen expresamente.
 
Artigo 22º. - Responsabilidade dos membros da Xunta Directiva
- Os membros da Xunta Directiva desempeñarán o cargo de forma eficiente e responsable.
 - Responderán persoalmente fronte á asociación e fronte aos socios e fronte a terceiros do dano causado por abuso de facultades ou neglixencia grave.
 
Artigo 23º. - Funcións do presidente e vicepresidente da Xunta Directiva
Son propias do presidente as funcións seguintes:
- As de dirección e representación legal da asociación por delegación da Asemblea Xeral e da Xunta Directiva.
 - Presidencia e dirección dos debates, tanto da Asemblea Xeral coma da Xunta Directiva.
 - Emitir voto de calidade decisorio nos casos de empate.
 - Convocar as reunións da Asemblea Xeral e da Xunta Directiva.
 - Visar as actas e os certificados confeccionados polo secretario da asociación.
 - As atribucións restantes propias do cargo e as que delegue a Asemblea Xeral ou a Xunta Directiva.
O vicepresidente asumirá as función que lle delegue o presidente e substituirao en caso de ausencia. 
Artigo 24º. - Tesoureiro da Xunta Directiva
- O tesoureiro terá como función a custodia e o control dos recursos económicos da asociación, así como tamén a elaboración do presuposto, o balance, e a liquidación de contas, co fin de sometelos á Xunta Directiva.
 - O tesoureiro asinará os recibos, cotas e outros documentos da tesouraría, levará un rexistro da caixa, e outro de contas cos bancos, e aprobará o pagamento das facturas que sexan necesarias para o funcionamento da asociación.
 
Artigo 25º. - O secretario da Xunta Directiva
O secretario debe custodiar a documentación da asociación, redactar e asinar as actas das reunións da Asemblea Xeral e da Xunta Directiva, redactar e autorizar as certificacións que haxa que tramitar, e levar o rexistro dos membros da asociación.
CAPÍTULO TERCEIRO
OS SOCIOS: DEREITOS E DEBERES.
Artigo 26º. - Poden ser membros as persoas maiores de idade, físicas ou xurídicas, que dalgún xeito teñan interese en desenvolver os fins da asociación e que se sometan aos estatutos.
A Xunta Directiva pode outorgar o nomeamento de membro honorario a aquelas persoas, físicas ou xurídicas, que, polo seu prestixio ou por contribuír de xeito relevante á dignificación ou desenvolvemento desta, sexan merecedores de tal distinción.
Son membros colaboradores aquelas persoas que contribúan exclusivamente con cotas ou achegas extraordinarias ao sostemento da asociación.
Artigo 27º. -As persoas que desexen pertencer á asociación, solicitarano por escrito ao presidente, quen llo comunicará á Xunta Directiva para que esta resolva sobre a admisión ou inadmisión do socio, sen que caiba ningún recurso contra o seu acordo.
Non se adquire a condición de socio mentres non se satisfaga a cota de entrada na conta e na forma que estableza a Xunta Directiva.
Artigo 28º. - Os membros da asociación terán os seguintes dereitos:
- Ser elector e elixible para os cargos dos órganos directivos.
 - Formular propostas e participar, con voz e voto, na adopción de acordos na Asemblea Xeral e nos demais órganos sociais dos que formen parte.
 - Participar nas actividades que promova a asociación e nos actos sociais que organice para todos os socios.
 - Recibir a información necesaria para o exercicio dos seus dereitos e o cumprimento das súas obrigas, en conformidade coas normas legais.
 - Recibir, se así o solicitasen, unha copia destes estatutos e ter coñecemento dos acordos adoptados polos órganos directivos.
 - Que se lles poña de manifesto o estado de contas dos ingresos e gastos da asociación todos os anos.
 
Artigo 29º. - Os membros da asociación terán as seguintes obrigas:
- Acatar as normas estatuarias e os acordos validamente adoptados pola Asemblea Xeral e pola Xunta Directiva.
 - Aboar puntualmente as cotas de entrada e as periódicas que acorde a Xunta Directiva.
 - Desempeñar as obrigas inherentes ao cargo que desempeñen e prestar a colaboración necesaria para o bo funcionamento da asociación.
 - Cumprir os principios da asociación e os preceptos establecidos nas leis e nos estatutos.
 
Artigo 30º. - Os socios poden ser sancionados pola Xunta Directiva por infrinxir reiteradamente os presentes estatutos ou os acordos da Asemblea Xeral ou da Xunta Directiva. As sancións poden comprender dende a suspensión dos dereitos durante un mes ata a separación definitiva da asociación, nos termos que prevé a lei.
Artigo 31º. - Os socios poden solicitar a baixa na asociación voluntariamente mediante un aviso por escrito á Xunta Directiva, pero isto non os eximirá de satisfacer as obrigas que teñan pendentes con ela.
A Xunta Directiva pode acordar o cesamento na asociación daqueles socios que:
- adopten actitudes e comportamentos contrarios aos principios e valores da asociación.
 - prexudiquen os intereses materiais ou o prestixio social da asociación.
 - usurpen funcións da Xunta Directiva.
 - falsifiquen documentos, firmas, selos ou datos da asociación.
 - falseen voluntariamente datos e informacións do servizo realizado.
 - realicen fraude, deslealdade ou abuso de confianza nas xestións que se lle encomenden, así como calquera conduta constitutiva de delito.
 - demoren no pagamento das cotas establecidas máis de noventa días, contados dende a data do vencemento, salvo causa xustificada.
 
A baixa ou expulsión soamente pode ser acordada pola Xunta Directiva. Debe ser precedida de expediente, no que hai que oír o interesado. O socio pode recorrer contra o acordo de expulsión no prazo de quince días, dende que lle sexa notificado, ante a Asemblea Xeral. O acordo de expulsión será firme dende que sexa ratificado polo Asemblea Xeral.
CAPÍTULO CUARTO
O RÉXIME ECONÓMICO
Artigo 32º. - o patrimonio fundacional da ASOCIACIÓN LABAÑOU SOLIDARIA ao constituírse ascende a trescentas mil pesetas e o límite do presuposto virá condicionado aos resultados económicos do ano anterior
Artigo 33º. - Os recursos económicos previstos para o desenvolvemento das actividades sociais serán os seguintes:
- As cotas que fixe a Asemblea Xeral aos membros. Os membros de honra están exentos de cotización. A primeira cota págase o mes no que se produza a inscrición e as seguintes cunha periodicidade dunha vez ao ano polo menos, contando dende o pagamento da cota anterior.
 - Os produtos dos bens e dereitos que lle correspondan, así como as subvencións oficiais ou particulares, legados e herdanzas, doazóns de organismos ou institucións nacionais ou internacionais, que poidan recibir, en forma legal.
 - Rendas do patrimonio.
 - Outros ingresos que poida obter a asociación mediante as actividades lícitas que acorde realizar a Xunta Directiva, sempre dentro dos fins estatutarios.
 
Artigo 34º. - A administración dos fondos da asociación estará sometida á correspondente intervención e coa publicidade suficiente, co fin de que os socios poidan ter coñecemento periodicamente do destino dos fondos, sen prexuízo do dereito consignado a este respecto nestes estatutos.
As contas da asociación aprobaranse anualmente pola Asemblea Xeral, aplicándose para iso unha contabilidade co peche do exercicio a ano natural
Esta asociación non poderá destinar os seus bens a fins industriais, comerciais, profesionais ou de servizos, nin exercer actividades de igual carácter co fin de repartir beneficios entre os seus socios. Os seus ingresos aplicaranse integramente á conservación do seu obxecto social.
CAPÍTULO QUINTO
DISOLUCIÓN DA ASOCIACIÓN
Artigo 35º. - A asociación disolverase por acordo da Asemblea Xeral, adoptado polos dous terzos dos votos presentes e representados, así como por outras causas establecidas por lei.
Cumpridas as formalidades legais sobre disolución da asociación, ábrese o período de liquidación.
A Asemblea Xeral que acorde a disolución nomeará unha comisión liquidadora composta por cinco membros, polo menos dous deles extraídos da Xunta Directiva. Esta comisión farase cargo dos fondos que existan, para que, unha vez satisfeitas as obrigas, o remanente, se o houbese, sexa entregado a calquera entidade ou asociación similar nos obxectivos e medios, ou que se reparta entre varias asociacións deste tipo.
DISPOSICIÓNS FINAIS
Primeira. - Reforma dos estatutos
Para a reforma dos estatutos precísase unha proposta concreta da Xunta Directiva, que a someterá á Asemblea Xeral extraordinaria convocada para tal efecto. Será necesario, para a súa aprobación, contar cun número de votos favorables equivalentes ás dúas terceiras partes dos socios asistentes.
Segunda. - Interpretación e execución dos estatutos
A interpretación e execución dos presentes estatutos corresponde á Xunta Directiva, a cal velará polo seu cumprimento así como o das normas que emanen da Asemblea Xeral.
                                    
						
						
 
