|
A Coruña, mazo de 2004
CAPÍTULO SEGUNDO
ÓRGANOS DA ASOCIACIÓN: ASEMBLEA XERAL E XUNTA DIRECTIVA
SECCIÓN PRIMEIRA: A ASEMBLEA XERAL
Artigo 8º.- Composición da Asemblea Xeral
- A Asemblea Xeral está integrada por
todos os socios que se reúnen para deliberar e tomar acordos
como órgano supremo de expresión da vontade da
asociación.
- Os acordos da Asemblea Xeral , adoptados en
conformidade coas leis e con estes estatutos, obrigan a todos os
membros asociados, incluso os que non participasen na reunión e
os que, aínda estando presentes, se abstivesen de votar.
- As asembleas xerais poden ser ordinarias e extraordinarias.
Artigo 9º.- Facultades
- Será preceptivo, so pena de nulidade, o acordo da Asemblea Xeral para os seguintes actos:
a) Nomeamento e revogación dos membros da Xunta Directiva.
b) Aprobar os orzamentos anuais de ingresos e gastos, así como o
estado de contas
correspondente ó ano anterior, e a memoria anual
de actividades.
c) Establecer as cotas base que os membros da asociación
teñan que satisfacer e a súa
actualización, así como a denominada
cota ordinaria.
d) Modificación, se for preciso, dos estatutos da asociación.
e) Fusión, disolución e liquidacn da asociación.
f) Adopción dos acordos relativos á representación
legal, xestión e defensa dos intereses dos
membros.
g) Controlar a actividade e xestión da Xunta Directiva.
h) Establecer as liñas xerais de actuación que lle
permitan á asociación cumprir cos fins
desexados.
i) Dispoñer e allear os bens da asociación.
- Todos os asuntos propios da asociación,
aínda que sexan competencia da Xunta Directiva, poden ser
obxecto de debate e acordo na Asemblea Xeral.
Artigo 10º.- Convocatoria da Asemblea Xeral
- A Asemblea Xeral ordinaria deberá ser
convocada pola Xunta Directiva polo menos unha vez ó ano, dentro
dos seis primeiros meses. Se transcorrese este prazo sen que se
efectuase a convocatoria, calquera membro asociado pode solicitar que
se ordene a convocatoria.
- A Asemblea Xeral extraordinaria convocarase
sempre que sexa necesario por iniciativa da Xunta Directiva, ou ben a
pedimento do 30 por cento dos membros asociados. Ó pedimento ou
solicitude de asemblea acompañarase a orde do día da
mesma.
Artigo 11º.- Forma da convocatoria
- A
convocatoria da Asemblea Xeral publicarase no taboleiro de anuncios do
domicilio da asociación e comunicarase por escrito a cada
un dos socios.
- A
publicación ou notificación da convocatoria efectuarase
cunha antelación mínima de 10 días hábiles
á data prevista para a celebración da Asemblea Xeral. A
data de celebración da asemblea non pode ser posterior en
máis de dous meses á data de publicación ou
notificación da convocatoria.
- A
convocatoria debe indicar a data, se é en primeira ou en
segunda convocatoria, a hora e o lugar da xuntanza, e expresará
con claridade e precisión os asuntos que compoñen a orde
do día.
- O intervalo de tempo que debe mediar entre a primeira e a segunda convocatoria será de media hora.
- A orde do
día será fixada pola Xunta Directiva. Debe incluír
os asuntos que ela propoña e os que por escrito lle fosen
propostos por un número de membros asociados que
representen o 10 por cento.
- A Asemblea Xeral celebrarase na localidade na que radique o domicilio social da asociación.
- Non obstante
o establecido nos apartados anteriores deste artigo, non será
necesaria a convocatoria, nin existirá limitación sobre o
lugar no que deba realizarse a Asemblea Xeral, sempre que estean
presentes todos os socios e acepten por unanimidade a reunión da
asemblea e os asuntos que se deben tratar nela; nese caso, todos os
membros asociados asinarán a acta na que se acorde a
asemblea.
Artigo 12º.- Funcionamento da Asemblea Xeral
- A Asemblea Xeral quedará validamente
constituída en primeira convocatoria cando estean presentes ou
representados a maioría dos asociados e, en segunda
convocatoria, calquera que sexa o número de asociados
concorrentes. Poden asistir todos os membros asociados que o sexan na
data do anuncio da convocatoria, e que na data de celebración da
asemblea sigan sendo e non estean suspendidos de tal dereito.
O presidente da asociación, asistido polo secretario,
realizará o cómputo de socios presentes e representados
na asemblea e declarará, se procede, que esta queda
constituída.
- A Asemblea Xeral estará presidida polo
presidente da Xunta Directiva e, en ausencia deste, polo vicepresidente
á falta de ambos, polo vocal de máis idade.
Actuará de secretario o que o sexa da Xunta Directiva e,
á falta deste, o vocal de menos idade.
Se na orde do día figuran asuntos que afecten directamente a
quen, conforme o establecido neste apartado, debe actuar como
presidente ou secretario da asemblea, esta designará quen debe
desempeñar tales funcións.
- Corresponde ó presidente da asemblea
dirixir as deliberacións, manter a orde no desenvolvemento da
asemblea e velar polo cumprimento das formalidades esixidas por lei.
- Serán nulos os acordos sobre asuntos que
non consten na orde do día, salvo o de convocar unha nova
Asemblea Xeral ou o de prorrogar a Asemblea Xeral.
Artigo 13º.- Dereito de voto
- Cada membro asociado terá dereito a un voto nas reunións da Asemblea Xeral.
- O dereito de
voto pode ser exercitado por medio doutro membro asociado, que nunca
poderá representar a máis de cinco. A delegación
de voto só se pode realizar para unha asemblea concreta e debe
facerse mediante escrito autógrafo.
Artigo 14º.- Adopción de acordos
- A Asemblea
Xeral adoptará os acordos por maioría de votos
validamente expresados, non sendo computables para estes efectos nin os
votos en branco nin as abstencións.
- Para adoptar
acordos de modificación de estatutos, disolución da
asociación, constitución dunha federación de
asociacións similares ou integración nunha que xa exista
será necesario o voto favorable das dúas terceiras partes
dos asociados, presentes ou representados.
- Os acordos adoptados pola Asemblea Xeral producirán os efectos inherentes desde o momento no que se tomasen.
Artigo 15º.- Acta da Asemblea Xeral
- A acta da
asemblea, que debe redactar o secretario, expresará o lugar e a
data das deliberacións, o número dos membros asociados
existentes, se se realiza en primeira ou segunda convocatoria, un
resumo dos asuntos debatidos, as intervencións das que se
solicitase constancia na acta, os acordos adoptados e o resultado
numérico das votacións.
- A acta da
sesión da Asemblea Xeral pode ser aprobada pola propia asemblea
ou, se non, nun prazo de 15 días polo presidente da asemblea e
tres socios designados na mesma asemblea.
En todo caso, a acta pasarase ó correspondente libro de actas da Asemblea Xeral polo secretario.
SECCIÓN SEGUNDA: A XUNTA DIRECTIVA
Artigo 16º.- Natureza e competencia
A Xunta Directiva é o órgano de goberno, xestión e
representación da asociación con
suxeición á Lei Orgánica 1/2002 do 22 de Marzo, a
estes estatutos e á política xeral fixada pola Asemblea
Xeral.
Correspóndenlle á Xunta Directiva cantas facultades non
estean reservadas pola Lei de Asociacións ou por estes estatutos
á Asemblea Xeral
Artigo 17º.- Exercicio da representación
- O
presidente da Xunta Directiva, que tamén preside a
asociación, asume a representación legal da mesma.
Executará os acordos adoptados pola Asemblea Xeral e pola Xunta
Directiva, sen prexuízo de incorrer en responsabilidade se a
súa actuación non se axusta ó encomendado.
- A Xunta
Directiva poderá conferir apoderamentos a calquera persoa, coas
facultades representativas que se establezan na escritura de poder.
Artigo 18º.- Composición e elección
- A Xunta Directiva estará formada por un presidente, un vicepresidente, un secretario, un tesoureiro e tres vocais.
- Soamente
poden ser elixidos membros da Xunta Directiva os socios que non estean
incursos nalgunha das prohibicións da Lei de Asociacións.
- Os
integrantes da Xunta Directiva serán elixidos pola Asemblea
Xeral, con votación polo maior número de votos.
- A
convocatoria da elección dos membros da Xunta Directiva
anunciarase mediante escrito a todos os membros asociados, como
mínimo, cun mes de antelación ó remate do
mandato dos membros que cesen nos seus cargos. Concederase un prazo de
quince días para a presentación de candidaturas; pasado
este prazo, e dentro dos tres días seguintes, a Xunta Directiva
procederá á proclamación dos candidatos e á
convocatoria da Asemblea Xeral.
- As
candidaturas a membros da Xunta Directiva deben presentarse aceptadas e
asinadas por todos e cada un dos candidatos, que necesariamente
terán a condición de membro asociado cunha
antigüidade mínima dun ano. A Asemblea Xeral elixe os
membros da Xunta Directiva e esta, á súa vez, trala
constitución, designa os cargos que ocuparán os membros
elixidos.
- As
candidaturas serán abertas e poderán ser votadas total ou
parcialmente, e poderá ser substituído calquera candidato
por outro dunha candidatura diferente.
- Os membros da Xunta Directiva serán elixidos mediante voto persoal, secreto e universal.
Artigo 19º.- Duración e cesamento, vacantes e retribución
- Os
membros da Xunta Directiva serán elixidos por un período
de dous anos, e serán renovados por metades anualmente. Na
primeira renovación da Xunta Directiva, cando transcorra a
metade do prazo antes sinalado, serán elixidos de novo
presidente, tesoureiro e dous vocais. Na segunda renovación
serán elixidos o vicepresidente, o secretario e o outro vocal.
Os membros da Xunta Directiva continuarán nos seus cargos ata o
momento no que se produza a renovación, aínda que xa
concluíse o período para o que foron elixidos.
- A renuncia dos membros da Xunta Directiva deberase presentar por escrito e razoando os motivos da dimisión ou renuncia.
Tamén se pode producir o cesamento no cargo por baixa como membro da asociación.
Ademais, os membros da Xunta Directiva poden ser destituídos do
seu cargo en calquera momento por acordo da Asemblea Xeral, adoptado
por maioría simple.
- As
vacantes que se produzan na Xunta Directiva cubriranse na primeira
Asemblea Xeral que se celebre. Sen embargo, a Xunta Directiva
poderá nomear un membro da asociación para que ocupe o
cargo vacante ata a celebración da próxima Asemblea Xeral.
- Se
na celebración da Asemblea Xeral non se cubrisen a totalidade
das vocalías, a Xunta Directiva elixida poderá nomear un
membro asociado para que ocupe o cargo vacante ata a
apróxima Asemblea Xeral.
- Os cargos que compoñen a Xunta Directiva non serán remunerados.
Artigo 20º.- Funcionamento
- A Xunta
Directiva debe ser convocada polo presidente, ou polo membro que o
substitúa, por iniciativa propia ou a pedimento de
calquera membro da xunta. Se a solicitude non fose atendida no prazo de
dez días, poderá ser convocada polo directivo que fixese
a petición, sempre que logre a adhesión, polo menos, de
un tercio da Xunta. Non será necesaria a convocatoria cando,
stando presentes todos os directivos, decidan por unanimidade a
celebración da xunta.
Pódese convocar á reunión da Xunta Directiva, sen
dereito a voto, calquera técnico ou profesional que sexa de
interese para a asociación.
- A Xunta
Directiva quedará validamente constituída cando concorran
persoalmente á reunión máis da metade dos
compoñentes. Os directivos non poden ser representados.
Os membros da Xunta Directiva están obrigados a asistir a todas
as xuntanzas que se convoquen, pero poden escusar a asistencia por
causas xustificadas.
En calquera caso, será necesaria a asistencia do presidente e do secretario ou das persoas que os substitúan.
- Os acordos
adoptaranse, salvo que se acorde de maneira regulamentaria outra cousa,
por máis da metade dos votos validamente expresados. Será
suficiente o voto favorable de un tercio dos membros que
constitúan a xunta para acordar os asuntos que deban
incluírse na orde do día da Asemblea Xeral. Cada
directivo terá un voto. O voto do presidente dirimirá os
empates.
- A acta da
reunión, asinada polo presidente e o secretario, que a
redactará, recollerá os debates de forma sucinta e o
texto dos acordos, así como o resultado numérico das
votacións.
Artigo 21º.- Facultades da Xunta Directiva
A Xunta Directiva posúe as seguintes facultades:
- Exercer e executar a representación, a
dirección e a administración da asociación e
cumprir as decisións tomadas pola asemblea xeral.
- Tomar os acordos necesarios para a
comparecencia ante os organismos públicos para o exercicio de
toda clase de accións legais e para interpoñer os
recursos pertinentes.
- Propoñer á Asemblea Xeral a defensa dos intereses da asociación.
- Propoñer á Asemblea Xeral o
establecemento das cotas que os membros da asociación
teñan que satisfacer.
- Convocar as Asembleas Xerais e controlar que os acordos que nelas se adopten se cumpran.
- Elaborar o balance e o estado de contas de cada
exercicio e confeccionar os orzamentos do exercicio seguinte para
someter todo iso á consideración e aprobación da
Asemblea Xeral.
- Elaborar a memoria anual de actividades e sometela á aprobación da Asemblea Xeral.
- Establecer grupos e comisións de
traballo, se o considera necesario, para conseguir da maneira
máis eficiente e eficaz os fins da asociación, e
autorizar os actos que estes grupos pretendan realizar.
- Nomear o vocal da Xunta Directiva que
teña que encargarse de cada grupo de traballo ou
comisión, a proposta do mesmo grupo ou comisión.
- Realizar as xestións necesarias ante os
organismos públicos, entidades e institucións nacionais e
internacionais ou calquera persoa para conseguir subvencións,
axudas e toda xestión necesaria para a cooperación a
nivel nacional o internacional.
- Designar os membros da Xunta Directiva
que quedarán autorizados para abrir contas correntes e libretas
de aforro en calquera establecemento de crédito ou bancario,
así como o número e forma en que estarán
autorizados a dispoñer dos fondos que haxa nestes
depósitos.
- Aprobar os proxectos que teña que acometer a asociación.
- Interpretar e executar os estatutos e velar polo seu cumprimento.
- Calquera outra facultade que non estea
atribuída de forma específica á Asemblea Xeral e
aquelas que se lle deleguen expresamente.
Artigo 22º.- Responsabilidade dos membros da Xunta Directiva
- Os membros da Xunta Directiva desempeñarán o cargo de forma eficiente e responsable.
- Responderán
persoalmente fronte á asociación e fronte ós
socios e fronte a terceiros do dano causado por abuso de facultades ou
neglixencia grave.
Artigo 23º.- Funcións do presidente e vicepresidente da Xunta Directiva
Son propias do presidente as funcións seguintes:
- As de dirección e representación
legal da asociación por delegación da Asemblea Xeral e da
Xunta Directiva.
- Presidencia e dirección dos debates, tanto da Asemblea Xeral como da Xunta Directiva.
- Emitir voto de calidade decisorio nos casos de empate.
- Convocar as reunións da Asemblea Xeral e da Xunta Directiva.
- Visar as actas e os certificados confeccionados polo secretario da asociación.
- As atribucións restantes propias do cargo e as que delegue a Asemblea Xeral ou a Xunta Directiva.
O vicepresidente asumirá as función que lle delegue o presidente e substituirá a este en caso de ausencia.
Artigo 24º.- Tesoureiro da Xunta Directiva
- O tesoureiro
terá como función a custodia e o control dos recursos
económicos da asociación, así como tamén a
elaboración do orzamento, o balance, e a liquidación de
contas, a fin de sometelos á Xunta Directiva.
- O tesoureiro
asinará os recibos, cotas e outros documentos da
tesourería, levará un registro da caixa, e outro de
contas cos bancos, e aprobará o pagamento das facturas que sexan
necesarias para o funcionamento da asociación.
Artigo 25º.- O secretario da Xunta Directiva
O secretario debe custodiar a documentación da
asociación, redactar e asinar as actas das reunións da
Asemblea Xeral e da Xunta Directiva, redactar e autorizar as
certificacións que haxa que tramitar, e levar o rexistro dos
membros da asociación.
|