|
Aproveitamos a viaxe para recoller un Convenio de Colaboración Interuniversitaria da UDC coa UNSAAC para a investigación sobre o uso de sistemas de biofiltros naturais para a depuración de augas residuais. En Vilcabamba (Lucma). Nin estaba o convenio nin a Vicereitora Administrativa. Quedaron en chamarnos para "axendar" unha nova cita. Finalmente fixéronnos chegar ao Hostal unha proba de que o convenio xa fora enviado a España para a súa firma, aínda que nós estabamos alí para recollelo e evitar a demora do envío. Parece que non falamos o mesmo idioma.
As xestións co Ministerio de Cultura tiveron un xiro inesperado. Lucio Quiñones, de Guaman Poma non proporcionou un contacto con Sr. Abogado, Adxunto do Director do Ministerio de Cultura ("para que te vas reunir co dono do circo se podes falar co domador dos leóns"). Despois de longas esperas e viaxes dun lado para outro perseguíndonos mutuamente reunímonos con el. A proposta da escola non só lle gusta senón que complementaría os plans do goberno para Choquequirao que pretende integrar Vilcabamba con Machu Picchu nun triángulo. O seu interese foi claro e as negociacións están en marcha. A Casa Labañou pode converterse nun centro de formación ocupacional en dúas temáticas (Agroecoloxía e Recuperación de Restos Arqueolóxicos) que non só permiten á poboación nova ter formación en temas que lles importen senón que poderán continuar vivindo na súa terra porque poderán encontrar traballo nela.
Máis tarde volvemos reunirnos con Dante Muriel de Incahuasi. Os seus consellos e a súa xenerosidade non teñen prezo. Comunicouse coa súa xerencia para ofertar a súa axuda aos produtores de San Miguel que hai un ano se dirixiron a nós para ver se podiamos introducilos ó Comercio Xusto. O sexto principio do cooperativismo promove a colaboración e axuda mutua entre cooperativas e ofrecéronse a prestar a asistencia necesaria aos produtores de San Miguel para iniciar o proceso. Parece que non seremos un dúo senón un trío. Non podemos estar máis contentas.
A expedición de Labañou Solidaria 2011.
|