Aínda que somos pequenos hai cousas que merecen ser celebradas ao grande!!
12 Maio Día Internacional do Comercio Xusto na rúa, anímaste?
Este ano non estamos sós!!!
Ola Visitante
Nós xunto coas organizacións Intermón Oxfam, Solidariedade Internacional de Galicia e a Cooperativa de Consumo Responsable Zocamiñoca, Fiare Banca Ética e os produtores locais Millo e Landras, a Horta do Sacho, Val de Barcia e a Cooperativa Raíña Lupa estaremos presentes durante o sábado 12 de Maio, desde as 11:00 ata as 20:00 horas, na Praza de Pontevedra, para celebrar o Día Internacional do comercio xusto. Este será o primeiro ano no que se abre esta celebración a outras entidades que traballan en termos de Consumo Responsable, dentro do cal se sitúa o Comercio Xusto, amosando á cidadanía alternativas reais e en funcionamento na nosa cidade que loitan por un mundo máis xusto e máis sostible.

Unímonos nesta celebración a outras entidades que traballan desde a filosofía do Consumo Responsable como son Fiare representando á banca ética, Zocamiñoca representando ao consumo responsable (eco-lóxico, próximo, de relación directa coas produtoras, integrador e de fomento de hábitos máis saudábeis) e productoras locais de horta, carne, queixos e reposterías.
Para nós é moi importante dar a coñecer modelos de produción e consumo nos que se favorece a protección do medio, a equidade e a xustiza social, amosándoos como alternativas vivas, viables e factibles a día de hoxe na nosa cidade, que supoñen un cambio de modelo económico, social e ambiental. Atoparemos respostas a preguntas como quen e en que condicións se producen determinados bens, se son respectuosos coas persoas e o medio ou se os nosos aforros se invisten en iniciativas sociais que nos benefician a todos e ao planeta.
Ao longo de todo o día poñeranse á venda produtos de alimentación, cosmética, artesanía e roupa de Comercio Xusto. Este ano haberá, ademais, produtos frescos e ecolóxicos locais traídos por produtores do noso ámbito que traballan con Zocamiñoca cos que tamén haberá un espazo aberto para o diálogo e a participación. Complementarase con actividades para nenos e nenas e charlas-coloquio nos seguintes horarios:
- Que é Consumo Responsable? Falaremos con Zocamiñoca e os produtores de horta locais, ás 12:00 horas.
- Como funciona a Banca Ética? a cargo de Fiare, ás 13:00 horas.
- Por que Comercio Xusto? Falarán Intermón Oxfam, Solidariedade Internacional e Labañou Solidaria, ás 16:30 horas.
¿Imaxinas unha forma mellor de comezar o 12M que achegarte á Praza de Pontevedra, facer a compra de produtos frescos e ecolóxicos de pequenas explotacións do noso entorno, falar con quen os sementa e os trae até aquí fermosos e sans, ver que hai roupa bonita producida baixo criterios de sostibilidade e xustiza, probar un cafetiño de Comercio xusto namentres escoitas que podes facer cos teus aforros para que non acaben nesa banca que tanto dano está a facer?
Porque non sempre fai falta destruír o sistema, fai falta seguir construíndo alternativas para que o sistema que non funciona morra por falta de uso!!!
Vascho perder?
|