|
Ola Visitante.
Hai uns días que chegamos, xa podemos avaliar o noso traballo coa perspectiva que dá a distancia e o tempo. Sabemos que o traballo que realizamos queda pendente do sostemento que alí faga o noso técnico peruano Sulpicio Flores, así como das condicións políticas do país.
Perú cambiou moito nestes 12 anos que levamos traballando alí, cambiaron os seus dirixentes e a súa situación económica. Na actualidade é un país en crecemento económico, aínda que moi desigual, cun grave problema de formación dos seus técnicos, é por iso que o noso traballo alí, aínda que formulado doutro xeito, segue sendo tan necesario como ao principio. Refórzase a necesidade de asesoría técnica, por iso ser capaces de manter ao noso persoal técnico asesorando dende aquí e acompañando in situ segue sendo imprescindible. As nosas necesidades económicas seguen sendo as mesmas: a contratación dos profesionais que asesoren e traballen nos proxectos e doten a poboación das ferramentas que lles permitan mellorar a súa propia vida, e a viaxe anual de supervisión. É por iso que debemos reforzar o traballo de sensibilización e captación de socios e socias e o esforzo de transparencia que sempre fixemos.
Chega o momento de traballar aquí. Temos pendente o acto público, que terá lugar o día 19 de Decembro no Salón de Actos do Centro Cívico de Labañou, para compartir convosco as nosas contas e facervos partícipes do traballo para que sigades sentíndovos unha parte clave da ONG.
Tamén está pendente a cea solidaria anual, lugar de encontro e de compartir ilusións, un espazo lúdico para vernos as caras.
É importante a vosa presenza nos dous eventos, queremos que vos animedes a vir, o voso apoio énos imprescindible. Compartiremos café, infusións, chocolate e doces elaborados con produtos de comercio xusto e consumo responsable, xa que estamos inmersos neste novo proxecto do que vos queremos falar e fortaleceremos a vosa participación. Esperámosvos con moita ilusión, que a crise non nos impida o encontro.
Un forte abrazo da directiva e as persoas da expedición deste ano.
|