|
Ola Visitante
Dende Labañou Solidaria queremos informarte do que aconteceu estes últimos meses e o que acontecerá tamén nas próximas semanas.
Durante estes últimos 3 meses traballamos por sacar adiante o traballo burocrático que como a calquera organización lle toca a finais e principios de ano. Entre outras cousas dotámonos dun novo plan estratéxico que oriente as nosas actividades ata o 2015, mantemos os nosos principios e valores (os que compartimos contigo) e actualizamos a nosa misión e visión para este período.
Queremos aproveitar este boletín para invitarte á Asemblea Xeral que terá lugar na nosa sede o día 10 de Abril ás 19:30 en primeira convocatoria e ás 20:00 en segunda, non é máis que outra oportunidade para que nos coñezas un pouco mellor, participes activamente e che poidamos presentar as nosas próximas intervencións.
Esa reunión servirá tamén para que preparemos a cea-baile solidaria 2012 que terá lugar o 21 de Abril ás 21:30. Como saberás durante o 2011 non se chegou a celebrar a cea así que este ano esperamos poder gozala o dobre, nestes casos o dito que vén ao pelo é cantos máis MELLOR!! así que non te cortes, traete ás túas amizades, familiares, colegas de traballo e ata un equipo de rugby se queres.
O importante é que ese espírito que nos uniu tantas veces, o mesmo espírito que nos permite traballar pola poboación de Vilcabamba volva percorrernos dende a punta dos pés ata o último pelo do cocote, que nos riamos, que nos reencontremos e que botemos unhas pezas".
Por certo, se te dedicas á arte, ou se tes arte (en sentido literal e figurado) e queres compartir as túas habilidades ou obras, estás máis que invitado/a ceder parte da túa obra ou calquera outro tipo de obxectos para subhastar e/ou actuar, cantar, bailar, tocar instrumentos, facer monólogos ou calquera outra inquietude artística que converta unha gran noite solidaria nunha gran noite solidaria memorable.
A xestión das entradas para a cea será a habitual: contacta coa túa amizade na Xunta Directiva, indícalle cantas persoas iredes e realiza o pagamento por adiantado.
En caso de que esta sexa a túa primeira cea-baile, unha xenial idea pola túa banda, contacta en labanousolidaria@gmail.com ou no teléfono 635110123 (Chitona) de 18:00 a 22:00 e poñerémonos en contacto contigo para xestionar as túas entradas, ademais poderás adquirir as entradas no Café-Cociña "O´ Delito" na Praza do Bulevar do Papagaio (Patxi).
Se queres asistir pero non podes (ooohhhhh!) temos á túa disposición entradas de Fila O, para colaborar podes facer un ingreso no n.º de Conta 2091-0716-30-3040001223 de Nova Galicia Banco
E xa que nos poñemos a pedir (por pedir que non quede) gustaríanos que nos cedeses menos de 5 minutos do teu tempo para que nos deas a túa opinión na nosa primeira enquisa online (está dispoñible tamén na nosa nova e flamante web), a través da cal queremos coñecer o que pensades sobre o Comercio Xusto para así desenvolver unha mellor estratexia para as familias cafetaleras do val de San Miguel en Vilcabamba (preme aquí para realizar a enquisa)
Como sempre recordarche que a túa participación e colaboración nestas tres actividades é importante, canto máis activa sexa, máis forza e recursos teremos para traballar e mellores resultados obterán os vilcabambinos e vilcabambinas. Así que non hai mellor xeito que despedirnos cunha foto das súas propias celebracións!!
|