Obtención de recursos

Agricultura:

É a actividade máis importante no Distrito de Vilcabamba. A ela dedícase o 98% da poboación activa.

Os campesiños e campesiñas preparan as súas terras de cultivo aboando a terra co esterco dos animais domésticos. Os terreos de cultivo apenas requiren rego debido á alta humidade do medio, con cantidade de regatos e mananciais.

A calidade da terra é moi variada, dependendo do piso ecolóxico, e con gran cantidade de augas freáticas. Existen chairos, pampas, pradarías e valgadas, onde se manteñen os pastos naturais, en forma permanente durante todo o ano.

Tamén é de destacar unha importante erosión do chan, provocada polas chuvias torrenciais e derrubas, quedando unha terra dura non apropiada para o cultivo.

Nas zonas máis baixas do Distrito, a terra e o clima (cella de selva) permiten o cultivo de café, té, toda clase de legumes e hortalizas, millo, papas, fabas, etc., así como unha grande variedade de árbores froiteiras, plátanos, mangos, papaias, laranxas, granadillas, etc.

Nas zonas altas de serra cultívase papa (90% da produción), gansa (5%), olluco (3%), quínua, quiwicha, tarwi, iuca, e outros legumes e hortalizas (2%). A maioría cultivos andinos, pero que están a ser abandonados polos seus habitantes e substituídos pola compra de fideos e arroces nas tendas e feiras que xorden ao longo do camiño.

A agricultura non está tecnificada, utilizándose apeiros moi pesados e rudimentarios, cunha produción que non chega para abastecer a demanda e consumo das propias familias.

Hai moitas zonas, as máis altas e apartadas, nas que a propiedade da terra é comunal, de tal forma que cada familia cultiva a terra que é capaz de traballar, que comparten tarefas e que se organizan nunha especie de cooperativas chamadas "comunidades campesiñas".

Gandaría:

O 80% da poboación activa dedícase á gandaría, tamén para consumo familiar, aínda que nunha pequena proporción se destina á comercialización, utilizando estes ingresos para a educación da prole ou resolver problemas puntuais.

A comercialización realízase por intermediarios cara aos vales da provincia de La Convención, ou nas feiras de Vilcabamba la Nueva, Ccayara, Huancacalle, Yupanca e Chupana, os sábados ou domingos. Aínda se utiliza o sistema de troco nalgunhas zonas.

Nas vivendas corrican as galiñas, os cuies (cobaias) e en ocasións coellos. Tamén os chanchos (porcos de moito pelo e cor escura) que andan soltos polos arredores da casa, contribúen á economía familiar.

Nas zonas de serra alta hai cabalos e poldros soltos, aínda que apenas hai tradición de consumo da súa carne, utilizándoos soamente para o transporte.

Turismo:

O distrito foi nomeado no ano 2008 "Parque arqueolóxico e reserva biolóxica do Perú". Conta con gran cantidade de restos arqueolóxicos incas (algúns deles actualmente están sendo restauradas polo Instituto Nacional de Cultura), riqueza e diversidade biolóxica e unha beleza paisaxística estremecedora.

O seu interese e potencialidade turística ten que ver coa incomunicación e illamento no que se encontrou Vilcabamba ata agora, o que mantivo as súas tradicións e cultura. Nos últimos anos isto está a cambiar con gran rapidez.

O turismo vivencial, comunitario, ecolóxico, arqueolóxico e de aventura ten grandes posibilidades en Vilcabamba.

Non obstante apenas dispón de recursos para o turismo e na actualidade esta potencialidade apenas está a ser aproveitada pola poboación. Por agora, as rutas en Vilcabamba só son ofrecidas por algunhas axencias de turismo do Cusco.

LABAÑOU SOLIDIARIA está a implantar un proxecto de turismo na zona, capacitando aos arrieiros e arrieiras, mellorando a técnica artesanal dos grupos de artesás/áns e implantar un cámping que acolla aos e ás visitantes que se acheguen a coñecer esta remota e marabillosa rexión andina.