Comunicacións
Para acceder ao Distrito de Vilcabamba a única vía de comunicación é unha estrada de 200 Km., que comunica Cuzco con Quillabamba, capital da provincia de La Convención, asfaltada durante un primeiro tramo de 150 Km, e logo pista de terra ata Quillabamba, despois de superar os 4.000 metros de altitude de Porto Málaga.
Esta viaxe precisa oito horas de vehículo todoterreo, ou doce horas nos autobuses de liña regular. Trátase dunha pista con derrubas moi frecuentes e que queda pechada polas chuvias e a neve en moitas ocasións durante a tempada de chuvias.
Unha vez en Quillabamba, a unha altitude de 1000 m e clima tropical, débese tomar a estrada que accede a Pucyura, a 3.000 m de altitude, onde se encontra o Centro de Saúde do Distrito de Vilcabamba.
Esta viaxe precisa de tres horas máis en todoterreo, e cinco na "combi" (pequenas camionetas de transporte público).
A pista ata Pucyura que finaliza uns 20 Km. máis alá, en Vilcabamba la Nueva, é a única existente en todo o Distrito.
A catástrofe provocada polas chuvias torrenciais do fenómeno meteorolóxico de "O Neno" en Febreiro de 1998, ademais de facer desaparecer varios poboados, destruíu de forma irrecuperable toda a vía férrea de vía estreita que, seguindo o curso do río Urubamba, comunicaba Cuzco con Quillabamba, pasando por Machu Picchu. Ademais, todas as pontes que existían entre a central hidroeléctrica do Machu Picchu e a propia Quillabamba foron arrasados, entre eles o de Chaullay, que incrementa en case cen quilómetros o percorrido necesario para acceder ao Distrito de Vilcabamba, co conseguinte encarecemento de todas as subministracións dos produtos da Provincia, especialmente o café.
A liña telefónica chega ata Chaullay, a cincuenta Km de distancia de Pucyura, aínda que nos últimos anos a situación mellorou e dúas ou tres casas da zona xa contan con telefonía privada de uso comunitario.
O Centro de Saúde de Pucyura está equipado cunha emisora de raidio coa que se pode comunicar con Quillabamba e, soamente en condicións moi favorables, con Cuzco.

