Morbilidade e enfermidades

Problemas de saúde mais importantes en Vilcabamba

  • Infeccións respiratorias agudas, pneumonías, tuberculose.
  • Enfermidades diarreicas.
  • Enfermidades endémicas tropicais (leishmaniasis, malaria, bartonelosis )
  • Malnutrición infantil e problemas de crecemento.
  • Parasitosis intestinal
  • Accidentes e traumatismos.
  • Elevada mortalidade peri natal
  • Alcoholismo e depresións.
  • Artrose e outras enfermidades reumáticas.
  • Tumores malignos (estómago, pel, próstata, mama).
  • Enfermidades da pel (escabiosis, sarna, micses superficiais e profundas).
  • Cataratas e defectos de refracción, hipoacusias e xordeiras, carie dental.

Índices e Taxas do Distrito (ano 1999)

  • Taxa de Mortalidade xeral: 12.3 / 1000
  • Taxa de Mortalidade Infantil: 7.9 / 1000
  • Taxa de Natalidade: 22 / 1000
  • Taxa de Mortalidade Peri natal: 5.33 / 1000
  • Taxa de Mortalidade Materna: 1 de cada 100 partos
  • Taxa de Fecundidade: 68 %
  • Expectativa de vida ao nacer: 65.7 anos

Algúns dos problemas de saúde máis prevalentes:

1- Accidentes e Traumatismos

Constitúen unha importante causa de morbi-mortalidade. Os de tráfico son escasos pola pouca cantidade de vehículos, aínda que adoitan ser graves a causa do accidentado do terreo e os factores climatolóxicos. Son moi frecuentes os domésticos e laborais polas condicións de traballo e a mala calidade dos útiles de labranza. Tamén hai que salientar as agresións, sobre todo ás mulleres (maltrato de xénero e maltrato familiar debido a cultura machista, e á que contribúe o alcoholismo).

2- Enfermidades crónicas

A prevalencia de Hipertensión arterial en adultos estimouse en 17% na costa e no 5% na serra e selva.

Non se dispón de datos no Distrito de Vilcabamba, aínda que é evidente que non é considerado prioritario na práctica asistencial, sendo a prevalencia de hipertensión arterial moi baixa.

En Vilcabamba non hai diagnosticado ningún diabético, non sabemos o motivo, pero no Centro de Saúde non se fan análises e non existe como problema de saúde.

O mesmo coas dislipemias, aínda que neste caso, a pouca prevalencia de obesidade e o tipo de vida dos vilcabambinos, contribúen a que tampouco constitúa un problema de saúde.

Como outras patoloxías de tipo crónico, requiren para o seu tratamento probas complementarias, controis analíticos, e tratamento farmacolóxico crónico. Non obstante, non hai recursos, nin por parte do sistema sanitario nin por parte da poboación que non podería custear os tratamentos. En comunidades de poucos recursos, estes invístense onde mostran mais rendibilidade. En Vilcabamba, que conta cos máis esenciais fármacos, non hai cabida para hipolipemiantes ou antidiabéticos.

3- Enfermidades dixestivas

Moi frecuentes nas consultas, sobre todo gastrite e úlcera gastroduodenal, condicionada pola mala alimentación, con picantes, consumo de moito café e alcohol.

Tamén hai moita parasitósis intestinal e gastroenterítis, polas malas condicións da auga de consumo doméstico.

Tamén hai unha prevalencia importante de cálculos biliares, que non poden ser intervidos por falta de recursos.

4- Enfermidades reumatológicas

Son, xunto coas infecciosas, dixestivas e traumatismos, o maior motivo de demanda nas consultas en Vilcabamba.

As lumbalxias en relación co traballo, e o peso do fillo nas costas das mulleres, son moi frecuentes. O clima tamén contribúe a prevalencia das artroses nas persoas de maior idade.

5- A saúde mental

Este é un problema complexo, porque aínda que os problemas de saúde mental son de alta prevalencia, non se dispón de recursos para uns tratamentos que adoitan ser crónicos. Na farmacia do Centro de Saúde unicamente hai Diacepán como fármaco psicotrópico, utilizándose a psicoterapia de apoio como único recurso. Tampouco hai ningún traballador social no Distrito (hai un para os 140.000 habitantes da provincia de La Convención. Tampouco hai prestacións sociais para estes problemas.

Hai alta prevalencia de Depresións, moitas veces non verbalizada polo paciente, outras veces con gran compoñente somatizador.

É curioso comprobar como se concretan e manifestan estas somatizacións, en relación coa súa cultura ("arden as mans", "doe o ventre e a cabeza" "teño preocupacións").

Chama tamén a atención a alta frecuencia de depresión en mozos (20-25 anos).

Varios son os determinantes desta situación:

  • As penalidades e duras condicións de vida da poboación.
  • A falta de perspectivas de futuro e a falta de estímulos locais, sen lugares para o ocio, o deporte e la diversión. Isto afecta moito aos mozos.
  • Unha cultura machista que está a facer padecer maltratos e vexacións ás mulleres. Os estereotipos sexuais que afectan a ambos os dous sexos.
  • O alcoholismo, que afecta a gran parte da poboación.

Todos os anos hai no Distrito de Vilcabamba 1-2 suicidios, aínda que hai a sospeita de que outros quedan sen diagnosticar.

6- Tumores malignos

Non se dispón de datos de incidencia e prevalencia, en Vilcabamba e no ámbito nacional.

Só hai datos de Lima capital, onde a taxa de incidencia foi de 112 / 100.000 habitantes en 1991 e a taxa de mortalidade por cancro en 1990-92 se estimou en 113 e 138 / 100.000 habitantes, en varóns e mulleres, respectivamente.

As neoplásias malignas máis frecuentes nos homes son as de estómago, próstata e pulmón; nas mulleres, as de útero, mama e estómago.

7- Pel

Son frecuentes as micses superficiais e profundas.

A Leishmaniasis, frecuente sobre todo nas zonas de menor altitude, conta cun programa de tratamento estatal dado o prolongado e caro do tratamento. Aínda así, moitos pacientes non poden asumir o custo do que teñen que achegar, e non cumpren o tratamento.

8- Vista e oído

Hai moitas cataratas na xente maior, que non se operan por falta de recursos.

As conxuntivites son moi frecuentes na consulta, condicionadas polo ambiente de fume das vivendas, onde se quentan e cociñan sen saída de fumes, pois non teñen chemineas.

Os defectos de refracción non se corrixen porque non hai lentes nin servizo de Oftalmoloxía en toda a provincia, tendo que ir a Cuzco. Na farmacia do Centro de Saúde non hai ningún colirio nin medicación oftalmolóxica.

As xordeiras e hipoacusias son moi frecuentes nas persoas maiores, pero tamén nos mozos polas sucesivas otites que non trataron.

Non hai próteses auditivas en Vilcabamba.

9- Dentición

A saúde bucodental é catastrófica na poboación en xeral, encontrándose poucas persoas que escapen a esta situación.

A mala alimentación e falta de hábitos hixiénicos determina esta situación, con gran cantidade de perdas dentais, e enfermidades xenxivais.

Isto é máis preocupante na infancia, onde a introdución de caramelos, lambetadas e azucres en xeral, a cambio da tradicional alimentación da zona, orixinou unha elevada prevalencia de carie e perdas dentais.

10- Picaduras e mordedelas de serpes

Son frecuentes as mordedelas graves de serpes e arañas velenosas, sobre todo nas zonas máis baixas, de cella de selva.

Tamén se dan casos, nestas zonas, de mordedelas de morcegos hematófagos, mentres dormen nas vivendas, podendo transmitir a rabia.

11- Tabaco, alcohol e drogas

Polo momento, hai moi pouco consumo de tabaco no Distrito.

En cambio o alcohol (cervexa e unha especie de augardente local) constitúe un grave problema de saúde. Empézase a beber dende moi novos e forma parte do proceso de socialización, sobre todo nos homes, que se xuntan en la cantina. Orixina accidentes, afogamentos nos ríos, agresións e aumento de violacións, moi frecuentes na zona.

O consumo de follas de coca (con escasa similitude ao consumo de cocaína do mundo occidental) pertence á cultura da zona, sobre todo nas zonas máis apartadas, onde se utiliza mascándoa e manténdoa na boca, para evitar o mal de altura, aumentar a resistencia á fatiga e como euforizante. Tamén forma parte de todos os rituais, e de cantidade de fórmulas ás que se atribúen propiedades curativas.

Tamén se toma en infusións, aínda que en moita menor medida que o café, que se consume en grandes cantidades como estimulante.

Non hai na zona produción nin tráfico de cocaína e non parece que este tipo de consumo de follas de coca estea a supoñer un problema de saúde na zona.

12- Outros problemas de saúde

Hai outros problemas de saúde relativamente frecuentes, moitos deles con pouca capacidade de resolución na zona, como os prostatismos e outras enfermidades urolóxicas, as varices e hemorroides, a epilepsia e outros problemas neurolóxicos, problemas xinecolóxicos, etc.