A cultura e os valores en Vilcabamba
Os valores, normas, crenzas e cultura da poboación de Vilcabamba teñen pouco que ver cos do mundo occidental. Son un pobo acolledor e hospitalario cunha tradición comunitaria moi marcada.
As persoas maiores gozan, polo xeral, do respecto e coidado das fillas, fillos e parentes.
Hai un alto grao de endogamia, repetíndose os apelidos de forma evidente, segundo as zonas.
Conservan aínda moitas tradicións que veñen do imperio incaico, cuestionadas por unha recente penetración doutros valores do exterior que poden causar estragos e perda da capacidade propia de enfrontar os seus problemas.
En Vilcabamba vívese ao día, pénsase no inmediato e próximo, no xeito de subsistir durante os próximos días.
En relación coa saúde, teñen uns costumes moi arraigados, e baseados en coñecementos tradicionais que son conservados polo curandeiro ou curandeira local. A maioría das doenzas, segundo os seus costumes, débense a causas externas ao propio individuo como o "susto" ou o "mal de ollo". Para curarse, o ou a paciente debe someterse a diversos rituais como é "a pasada do ovo" ou do cui (cobaia).
Aínda que maioritariamente practican a relixión católica, conviven outras crenzas como os evanxelistas, Testemuñas de Jehová e toda unha tradición de deuses, mitos, feitizos e cultos pola terra (as montañas ( Apus ), Pachamama ( Nai Terra), os animais (serpe, puma, cóndor), os fenómenos meteorolóxicos e forzas da natureza, polos que realizan frecuentes ritos, ofrendas e cerimonias, sempre presididas polas follas de coca.
En relación coa lingua, é de destacar que unha parte moi importante da poboación (superior ao 50%) fala exclusivamente quechua. E que as persoas bilingües son maioritariamente os homes.

