A Vivenda

A gran maioría das vivendas son dunha soa planta e cunha única estanza. Están construídas de adobe, moitas delas con chan de terra e teitume de palla ou calamina (pranchas metálicas que protexen da chuvia) sobre unha estrutura de madeira. En moitas ocasións non hai porta que ille a estanza do exterior. As paredes de adobe nalgúns casos están recebadas con cal ou cemento.

As cociñas consisten en pequenos fornos de barro, sen saída cara ao exterior, o que produce que o interior das vivendas se encontren sempre cheas de fume. Isto prexudica seriamente a saúde das persoas, xa que incrementa considerablemente o risco a sufrir infeccións respiratorias e oculares.

Habitualmente as casas non dispoñen de latrinas e non hai sistema de evacuación de excretores, salvo ocasionais pozos negros.

A auga de consumo son os regatos ou mananciais próximos, o que provoca numerosas enfermidades á prole. Nos núcleos mais habitados a auga está entubada, pero en ningún caso tratada e potabilizada. Noutras ocasións, cáptase a auga dos mananciais próximos a través de canles cara a lugares onde sexan accesibles.

A fonte de enerxía, agás nas poboacións onde chega a electricidade, son lámpadas ou chisqueiros de queroseno, e velas.

As vivendas apenas dispoñen de mobiliario: unha mesa, banco de madeira e algunha cama.