O Distrito de Vilcabamba
A totalidade da poboación de Vilcabamba é atendida polo Ministerio de Saúde, do que dependen todos os recursos sanitarios. Unha mínima parte (con traballos asalariados e contrato) ten Seguridade Social.
A asistencia sanitaria non é gratuíta. As tarifas varían, dende os tres soles (algo menos dun euro.) que custa unha consulta médica, trinta soles (8 euros) dun parto domiciliario ata os 50 soles ( 13 euros.) dunha autopsia por imposición legal. Isto supón unha barreira importante para a maioría da poboación, aínda que as persoas indixentes son atendidas igualmente.
Estes ingresos, non son para o persoal, senón que é o recurso do que dispoñen no Centro de Saúde para o mantemento e mellora de todas as instalacións sanitarias, avarías, material, gasolina para a moto, postas sanitarias, etc.
Os medicamentos tampouco son gratuítos. En Vilcabamba non hai farmacia, e as medicinas véndense no propio Centro de Saúde.
O Distrito de Vilcabamba conta cun centro de saúde en Pucyura e sete postas de saúde.
O Centro de Saúde de Pucyura é o Centro de referencia de todo o Distrito, a unha distancia de 85 Km. de Quillabamba por camiño de terra (tres horas en todoterreo). A zona é un dos principais lugares de intervención do proxecto de LABANOU SOLIDIARIA.
Funciona como Centro de Saúde dende o ano 1993 e conta cunha superficie de 450 m. cadrados, dos cales a superficie construída é de 200 m aproximadamente. Trátase dun edificio dunha soa planta, con muros de adobe con revestimento de xeso e teito de calamina.
Dispón de auga entubada (non potable) proveniente de reservorio e eliminación de excretores a un pozo cego. Ten luz eléctrica e unha placa solar para alimentar unha batería e unha radio.
Conta unha sala de recepción e espera, un consultorio de medicina, outro de enfermaría, un consultorio para a ou o obstetriz e un cuarto con tres camas para hospitalización. Así mesmo dispúxose un ambiente para farmacia, unha sala de curas, un almacén, un pequeno cuarto para laboratorio, cun microscopio e o cuarto para a radio, xeito en que se comunican coas postas e hospital.
Hai un edificio anexo para residencia do persoal sanitario en moi mal estado.
Dispón dunha moto para os desprazamentos a lugares accesibles, aínda que hai dificultades para custear a gasolina. Na actualidade non hai ambulancia.

